martes, 30 de agosto de 2005

Felicidade




Hereux qui, comme Ullysse,
a fait un beau voyage,
ou comme celui-là qui conquit la toison,
et puis est retourné, plein d'usage et raison,
vivra entre ses parents le reste de son age!
(J. du Bellay)

Asi, pois, a felicidade era isto...

Escena

Para mellor aproveitar a boa tarde, levo para o xardin ao pé da parróquia que me corresponde desde hai unha semana (por certo, a mesma en que meus pais casaron), a novela gráfica en que Giardino pon a Max Friedman na Porta do Oriente. E ali me sento, baixo unha camélia, rodeado de vellos, de nenos e de cans.
Non pasa meia hora cando empeza a soar o móbil (xuro que un destes dias cámbio a horrível sinfonia); sucesivamente Pólis, Ti e (uf!) Zara, que aos poucos minutos aparece, armada cun plátano pelado, dando a merenda a Zidane; esta vez el trai a camiseta de Raúl e mui pouquiñas ganas de portar-se ben, e ela o que os contos chaman cara de poucos amigos.
A guerra logo se desencadea: tras algunhas escaramuzas, o plátano vai parar ao chao, produce-se un conato de bofetón imediatamente abortado, e a seguir, o drama. Zara di-lle ao neno que é tan túzaro coma seu pai; Zidane berra, como resposta, Non fales mal de meu pai, filla de puta, que te mato!!
Pareceu que os vellos, os nenos, os cans, e até os paxaros, se detiveran naqueles segundos terríveis. Zara soubo dicer Imos para a casa, anda, e o neno, como livre dun gran peso, mansamente botou a andar diante dela e por entre a xente que os miraba.
Zara murmurou que nos chamaríamos mañá.
Acordou-me unha frase implacável da miña avoa: Os pais son os ósos en que os fillos afian os dentes.
En canto desapareceron Zara e o fillo, erguin-me e marchei. Mirei o plátano ao pasar: as formigas acudian ao festin.

luns, 29 de agosto de 2005

Verniz

Atenuo a resaca con figos que me trai Fesore, que vén esta vez sen nenas, e que comemos ao roubado nunha terraza das Cortiñas de San Román. A mañá está espléndida, mesmo através dos lentes escuros cos que tento combater a fotofóbia.
Precisaba dunhas poucas horas máis de sono, pero resulta que Fesore marcha mañá e quere que nos vexamos, asi que ducha rápida, carreiras, e a recompensa dos figos, talvez como apoio á terápia: o tema central, no que entramos case sen eu reparar, é o de sempre, e en minutos estou xa a repetir e reenfocar e recontextualizar o fin do meu matrimónio.
Viver en parella é extremamente difícil, concluímos; e figo vai, figo vén, concordamos en que apesar do verniz de independéncia, os da nosa xeración mantemos unha situación de permanente adolescéncia respeito dos pais. Aí está ela, que pasou todo Xullo coa família de Xa, e todo Agosto en Ithaca, con sua mai; ou Vapin, que vive cos pais todo o ano, salvo os meses das vacacións, en que vai para o seu própio apartamento; ou Ti, que vive parede con parede cos seus pais e non consegue que a porta medianeira permaneza un só dia fechada; ou Tenuqui, que ainda onte tivo bronca cos irmaos porque os pais irán pasar vários meses do Inverno con ela alá ou acolá.
Ou eu mesmo, que desde que me instalei en Ithaca vou cada dia xantar á casa dos meus vellos, non vexo o dia en que me poña a cociñar no meu tobo.
O remate dos figos puxo fin á análise; acabamos as augas e fomos á exposición de Murado, aqueles cadros das vellas fotos que atesouran os álbumes en todas as casas, co verniz do tempo encerrando para sempre os retratados: Un paseo familiar pola muralla, a foto da licenciatura, os pais, os amigos, a família no comedor... Asi seremos todos nós algun dia, murmura un dos dous, na enorme sala, vacia, de paredes brancas; non che caiba dúvida que asi será.

xoves, 25 de agosto de 2005

Choiva

Ou iso devera ser este orvallo que apenas molla coches e ruas, traendo lembranzas de cousas máis definidas e necesárias. De todos xeitos, ben chegada a auga que apagará os montes e limpará (espero) muitas cousas.
Polo si ou polo non, aproveito o amago atmosférico e enclaustro-me no tobo ainda desorganizado: non sairei esta noite, canso e resacoso despois das duas anteriores en que fixemos cambalear as reservas de cervexa e patacas fritas da Cova. Ademais, sinto-me alleo: contribui a nova casa, pero tamén ter estado lonxe de persoas, costumes e lugares en que me recoñezo, e que novamente, co final do Verao e a chegada do mes-luns, voltarán.
Propósitos para os vindeiros dias: oficiar de árbitro entre T. e sua prima Mer, evitando que me atravese algun dardo enveleñado; visitar a Maite en Brigántia (seguramente despois dos exames); facer a memória do de Limerick (serán duas patadas, ou mellor unha e meia); secuestrar a Vapin para que poña unha pouca de orde no trangallo informático do novo covil; e esquivar a festa na casa de Polis, habida conta a alérxia que me provocou a celebración do Dia do Emigrante nos últimos anos (para compensar-llo será mester convidá-lo á rabada e o tinto de costume na Casa Grande de costume).


Reformular o que hai con Zara ficará pendente, talvez, para a semana próxima. Mentres, cruzarei os dedos para que non telefone.

martes, 23 de agosto de 2005

Gula

Porfin todo en Íthaca: a cama, os livros, as pélis, a roupa, o dormitório da nena, os tarecos da cociña, as esperanzas todas, alguns problemas de instalación (unha lavadora que verque, as paredes dignas dun bunker), e várias caixas de cartón a atravancaren o paso no corredor.
Tamén eu, obviamente.
E un enorme desexo de botar raíces novas que abrollaba esta mañá en canto amañecin, e era tarde: da miña primeira noite aqui erguin-me canso pero enérxico, emprendedor; pendurei alguns cadros, aproveitando os cravos de antigos inquilinos, e tras o almorzo e a ducha deixei tres e retirei o resto tras comprovar que, ademais de estaren demasiado altos, seguian unha liña horizontal, perfeita e implacável.
Envio mensaxes de móbil co novo número a amigos e parentes; tamén a Zara, que inaugura ao pouco a liña para lamentar o fin das vacacións e propoñer-me unha tarde de cine na compaña do señor Wonka e do pequeno Zidane, que esta vez leva a camiseta de Beckham e un dente menos que a última vez que o vin no parque, dez dias atrás; mentres sua mai está no servizo compro-lle pipocas, sen saber que cometo un dos pecados capitais, e sen saber tampouco que acabarei sentindo saudades da miña filla ou o desacougo de quen traizoa, infantilmente.
Cando Zara volta, reñe-nos: a min e a aquel lambón do fillo que, se non segue a dieta que lle impuxo o pediatra, acabará convertido nunha montaña de carne, sebo e colesterol; asi mo explica, arrebolada, e logo durante a película, vendo como rifan os dous por un pouco de millo que ela non lle quere consentir, vendo o gordo neno Hans abafado polo chocolate Wonka, sinto mágoa do pobre Zidane lambeteiro, pero muitas ganas de comer un toblerone que non teño.

martes, 16 de agosto de 2005

Museo

Co tempo xusto de estirar as sabas, malfacendo a miña cama, e de varrer os pelos da bañeira tras a ducha, entran cinco descoñecidos pola casa atónita; en tres quendas, e dirixidos por axentes imobiliários que me converten en guia da miña própia intimidade: son unha parella de noivos, unha rapariga de vintetantos e un matrimónio maduro.
Kaplan ensina o seu museo.
Os visitantes maduros, ademais, interesan-se polos motivos da venda, razón para ter-lles que explicar que marcho trasladado, o que nos leva á miña profesión e á miña orixe extra-ateniense, e daí a que non hai nada como a terra de un e á gloriosa vida dos profesores, esa tropa.
Os noivos casarán pronto, en Outubro; vexo-os tan ilusionados que non desminto a história que tecen sobre a miña vida, e deixo-lles crer que sigo casado e que fomos felices e comemos perdices nesta casa en que xa ven criar os seus cativos loiros, eses que durmirán no cuarto da miña filla, e que talvez serán concibidos no cuarto en que ainda durmo eu.
Brrr.
Farto, escapo.
De camiño ao ciber refago as chaves inúteis sen dar resolvido o seu mistério: nen os duplicados que habia na casa conseguen abrir o portal, e este enigma deixa de interesar-me en canto me dá na cara a escasa brisa que zoa do Barbaña.

En Atenas

Levo en Atenas dia e meio, abafado pola calor e baixo a presión de levantar a casa nun par de dias. Mentres, vou-me desfacendo de papeis e cousas inúteis; é sorprendente a cantidade de cousas que un acumula en pouco tempo, pero ainda o é máis a natureza de muitas delas: folletos de exposicións que nen lembraba ter visitado, xornais atrasados que arrumei á espera de tempo para resolver os crucigramas, negativos, roupa que non poño desde o século pasado (literalmente), e demais flora e fauna.
A casa venta o perigo, diso estou seguro, e ofrece resisténcia: a chave do portal nega-se a abrir, e o Domingo, cando cheguei, houven de esperar case duas horas a que aparecese un viciño que me abrise.
E mentres, xestións e movementos de clausura, e esta mesma tarde, duas imobiliárias revisarán o que pronto estará á venda: sen teléfono, sen gas, sen electricidade, sen auga, e co coche á porta porque xa non teño garaxe, combato o desalento e esa leve tona de tristeza que aboia ao fin de cada etapa.
Ao serao xuntarei-me con Ambece; mañá, con Ilu. Xoves, os homes cargarán nun camión as miñas cousas e encherá o eco os cuartos desta casa en que ás veces fun feliz e ás veces menos; e en Ithaca outra casa espera, atónita, un novo inquilino.
Adiante, pois.

luns, 8 de agosto de 2005

Postal

Pasada a resaca colectiva da estadia en Limerick, comezan a chegar novas dos colegas esparexidos por Galiza: mensaxes de móbil sobretodo, pero tamén documentos por correo electrónico que conteñen nalguns casos até versións de memórias, instáncias e declaracións xuradas para desvergoñadamente plaxiarmos.
Na correspondéncia ordinária, esta mañá chega á casa dos meus pais un postal de Angustiada: unha vista da torre da Catedral de St. Mary e o cemitério que a rodea; como fondo de tan gótica estampa, un ceo encapotado e o metal gris do rio. No reverso, en letra picuda e recargada, manda a breve crónica do regreso con perda de duas maletas que non deu recuperado, e muitas saudades dos nosos paseos polo Alén.
Iso é o que di.

venres, 5 de agosto de 2005

Retorno

De novo en Íthaca, o máis destacado a respeito desta blo é a caréncia dun ordenador desde o que postear; con Ciberália fechado por vacacións, e tras un par de infructuosas e magoantes tentativas polo máis lumpen do lumpen dos ciber que levo coñecido, atopo hoxe este: ar condicionado e pequenos cubículos a trataren de me isolar dos belicosos ciberxogadores que polo momento ainda se manteñen á distáncia.
Mañá fará unha semana que regresei, e o tempo decorre lentamente entre longos paseos coa miña filla e aborrecidas xornadas de limpeza no piso ainda baleiro.
Á espera da mudanza, as intermináveis xestións dun sen-papeis que regulariza situación en Íthaca, e sempre un volva a próxima semana polo certificado de empadroamento, polo carné da biblioteca ou polo disco coas fotos de Irlanda.
Polo demais, a vida social parece limitada á virtualidade do móbil e o correo electrónico. E tan só onte á noite, tras deixar a nena deitada, unha escapada á Cova para atopar un akelarre que Agosto reduciu ao mínimo: Vapin, Ti e Estridente. Mostro-lles as fotos de Irlanda, penosísimas: descrevo para eles a village, a miña vida en Limerick, os colegas do curso, as andanzas por Dublin, a aventura do regreso.
Vapin detén-se na foto que unha xaponesa me tirou no Haf´a´penny xunto a Gingered Paul o Venres pasado, pouco antes de eu coller o bus para o aeroporto. Apesar da invernia e da mala calidade da foto, percebe-se o cabelo en lapas de Paul, que escintila coma un cobre ao sol.
E este cenória é irlandés ou tamén estaba no curso?, pregunta ao fin.
Como lle vou contar a Vapin que con aquel cenória irlandés e baixo o edredón do seu catre, nun cuarto gardado por un gran póster de Sidnead O'Connor, escuitando cancións de Bjork, pasei as miñas cinco últimas horas en Dublin?

martes, 26 de xullo de 2005

Laundrette


Mentres se lava a roupa, reviso The Irish Times, e trato de entender como non 'e pos'ivel conciliar democr'acia con seguridade 'a vista dos recentes acontecementos, e como se toma como mal menor a morte dun inocente 'as maos da policia.
E non o dou entendido: lamento-o, pero os meus circu'itos est'an bloqueados por un estranho virus chamado liberdade; tampouco sei onde tenho o bot'on para o reset, asi que ren'uncio a deixar de pensar como penso.
Cando vou meter na secadora a roupa lavada, entra Angustiada, a minha companheira de apartamento, cargada de idem e de roupa para lavar. Carga o tambor con esta 'ultima e comeza a descargar informaci'on do seu pr'opio disco duro; non 'e pos'ivel que todo lle saia tan mal, paro asi o parece: anda mal de dinheiro, perdeu as gafas de sol, no curso non aprende nada, non d'a adiantado o voo para non quedar soa na village este fin de semana, etc.
Di que est'a agobiada e que se sente soa. Ao final, acabo-a invitando a unha golden coin para a secadora, e a un paseo polos arredores en canto a roupa estiver lista; aceita, encantada; onde prop'os que vaiamos?
E ela contesta que podemos ir dar unha volta por un cemit'erio precioso que hai por a'i atr'as.
Un pouco perplexo, aceitei-lle.

luns, 25 de xullo de 2005

Axouxere

Acabo de revisar o correo e tres e-mails trist'isimos, como tres heraldos funestos, an'uncian que Mirinda e Vladimir perderon o crio que esperaban.
Un ax'ouxere con muitos trevos non vai ir comigo no avi'on este Venres; ficar'a no meu cuarto, por se 'e de utilidade para algun meninho de aqui.

Ginger Paul


Chegou S'abado ao meiodia, como estaba previsto, e non era preciso descrevermos a cor da camiseta ou o xeito da mochila para darmo-nos reconhecido no and'en: pouca xente vinha de Dublin, pero nengunha con aquel cabelo a arder coma o lume, my ginger haired boy, que baixaba do autobus, aborrecido da dist'ancia e famento.
Con case todo fechado, salvo as rebaixas, e nada que comer na village, entramos nun fast-food de O'Connell, e a toda a pr'esa marchamos para a casa: non sa'imos m'ais do apartamento at'e Domingo, cando Paul marchou e volvemos comer polo centro, esta vez nun pub, como recompensa despois de tanto esforzo.
Encerrados durante horas cos nosos xoguetes, xogamos corpo a corpo os xogos que quixemos. Os que logo, unha e outra vez en vinte horas, renovamos, reinventamos, alteramos, refixemos, confundimos, mesturamos, agregamos, repetimos, imitamos, terminamos... e, pracenteiramente, volvemos comezar...

Para a lembranza, fica o fulgor 'igneo do cabelo de Paul, de todo o pelo do seu corpo, coma unha brasa inextingu'ivel a alampar sobre a minha cama.

F'ora, o dil'uvio arreciaba contra os vidros, e os feros corvos do Shannon, aterecidos nos tellados, espreitaban en sil'encio baixo a choiva.

venres, 22 de xullo de 2005

Beiras do Shannon


A confusi'on e a novidade dos primeiros dias van dando paso 'a rotina. Caminho polas vereas do campus coa rec'en adquirida seguridade de quen sabe xa onde se dirixe, coa seguridade de quen levase muito tempo entre estes edif'icios e estas persoas que van resultado xa familiares.
Acordo mui cedo cada manh'a: penso que 'e m'ais devido aos berros acres dos corvos do que 'a luz que entra pola vent'a desde tan cedo.
Aproveitando que o tempo mellorou onte pola tarde (un breve descanso, porque disque manh'a volver'a chover), fixemos unha longa caminhada polas beiras do Shannon. En grupo, claro: hai un par de dias, as autoridades do campus chantaron letreiros recomendando que ningu'en se achegue ao rio se non 'e en grupo.
A raz'on non se sabe, pero xa se formaron dous bandos: os que falan de laxes esvaradias e correntes acu'aticas, e os que falan de malfeitores, mesmo fennians, perigosos.

O paseo conclu'iu 'a volta dunha mesa en que desfrutamos dunha boa cea e dunhas boas pintas; estaba xa decidido que este fin de semana non irei a Dublin.
E tam'en que Paul, o irland'es, chegar'a a Limerick manh'a polo meiodia. Como hai excursi'on, a resid'encia estar'a case baleira.

xoves, 21 de xullo de 2005

Outono

Escrevo no meio do Outono, en Limerick: o dia, gris e ventoso, fai-me agradecer desde o m'ais 'intimo o consello de traer roupa de abrigo e botas que me deu Ambece a 'ultima vez que nos vimos.
Posteo desde a Library: venho do pub da Students Union, instalado nunhas antigas cortes, The Stables se chama. F'ora, o vento zoa, frio, incans'avel, enchido de humidade; pasan as nuves a correr, descarregando imprevistos chuvascos aos que en minutos sucede un sol p'alido que non d'a quentura algunha.
Realmente, se un non mirase o calend'ario, poderia facilmente pensar que estamos a comezar o Outono.

martes, 19 de xullo de 2005

Triangulo

Con poucas horas de diferenza, chegan por e-mail duas invitaci'ons para o pr'oximo week-end, as duas inesperadas, opostas, contradit'orias, inconcili'ables.
Tenhen a sua orixe en Dublin, na estranha noite do S'abado nas entranhas de The George.
Era unha vez no Temple Bar un bret'on, un irland'es e un galego, que de madrugada cansaron de bailar, e sa'iron a fumar...
A cantarela puido seguir cos tres a demostrar a propiedade transitiva, mais perante a magnitude do labor e a hora que era, deu o tranglomanglo neles, non ficaron sen'on dous: un que agora espera vir e mais outro que me chama a Dublin a visit'alo.
Cada un deles 'obvia e 'odia ao outro nas respectivas mensaxes.
E agora son eu quen os 'odia, quen os vai obviar aos dous.

domingo, 17 de xullo de 2005

Soulaiman

Dublin est'a ateigado de estranxeiros, que caminhan ao meu paso e fan ferver prazas e ruas, que cobren as terrazas dos locais de todas as cores e todas as nacionalidades, que van e venhen das rebaixas. Sentan derreados nos bancos en canto queda sitio, ou se deitan sobre a herba de St. Patrick's Yard. O d'ia corre lentamente.
Pasan das 5 e 'e tarde para xantar.
St. Stephen's Green.
Ando 'a procura dun sitinho 'a sombra, levando dous pretzel e unha cola que venho de comprar, pero ainda me 'e preciso dar unhas voltas antes de que me faga un oco no seu banco, un banco 'a sombra diante dun lago de augas verdinhentas e paradas, e ao p'e da farola en que ten encadeada a bici. Tam'en el est'a a comer: dunha bolsa de pl'astico saca, e abre, unha lata pequena de arenques e pan de pita.
Seguramente m'ais do 80% dos que hoxe percorreron as ruelas e pontellas deste parque, ou sentaron nos seus bancos, tinhan cabelos loiros, pel branca r'ubia do sol, e ollos claros. Pois ben, o home que at'e hai poucos minutos estivo tendido sobre a minha cama, era, etnicamente, o que menos caberia esperar para unha tarde de S'abado dublinesa.
Xantamos 'a par, entre miradas e sorrisos pouco e pouco m'ais frecuentes, m'ais seguros. Rematamos e ofreceume un cigarro, longo e fino, de sabor adocicado; acendemos e present'amonos: Soulaiman, dixo el, e de'monos as mans mentres el estend'ia un branqu'isimo sorriso de dentes grandes a destacar na pel escura.
Volv'ia para o traballo 'as 8, as'i que cumpr'ia irmos para o hotel.
Agora, mentres Souleiman vai caminho do restaurante en que traballa, no cuarto sobrevoa ainda o xemido, case un ganido breve, abrupto, de cando exaculaba.

Dublin

Quixen voltar a aquel pub en que Vapin e eu pasamos toda unha tarde de Domingo, mentres chovia, hai m'ais de once anos. Impos'ivel atop'a-lo: seguramente nen o reconheceria ainda que me levasen a el pola mao e me deixasen diante da porta.
Non fora aquela tampouco unha tarde especialmente divertida; talvez por iso, precisamente, funcionou, durou e dura ainda como fito, e segue a formar parte das nosas conversas desde aquela.
Un dia chuvinhento e morrinhoso, e 'ia frio, e era Domingo, e non hai m'ais que dicer: entramos naquel lugar estranho, seguramente feo e inc'omodo, ateigado de homes que apenas falaban entre eles encanto vian as carreiras de cabalos pola televisi'on.

Remato a minha Beamish e decido ir pagar.
Como non coma algo, con certeza morrerei.

sábado, 16 de xullo de 2005

Spider


Tal è o nome do ciber en que entrei para postear: Estou en Dublin e advirto que o teclado è inglès, como se deduce da presenza no texto do acento grave. Talvez por algunhas outras disfunciòns gràficas poderà deducir-se que hai pouco saìn dun pub: para dar asimilado a infame inxesta dun kebab adquirido nun posto ambulante botei ao lombo duas pintas de Guinnes; a primeira por necesidade, como digo, a segunda por simple e lex'itimo pracer.
Confeso, ademais, que tomei o ru'in alimento m'ais que por ser hora de xantar, por tratar de atenuar os efectos dunha visita pr'evia 'a destileria de Jameson: apenas dous grolos (ben, pode que fose algun m'ais) na degustaci'on, que me fulminaron o est'omago case vacio a aquela hora (meiodia) e boa parte das neuronas.
En canto saia de aqui irei na procura do rio: lendo 'a sua beira atinxirei o serao; prometo cear como Deus manda, beber con moderaci'on, e cumprir a minha d'eveda con Vapin.
Manh'a deixo esta cidade.

mércores, 13 de xullo de 2005

Cenáculo

Tras deixar a meniña deitada, decido-me e saio ao encontro d@s que estiveren na Cova: chego arredor das 10 e atopo a Vapin, Estridente e Ti á volta dunha mesa, na terraza.
Como corresponde a dia de semana (non festivo nen véspera de festivo), Estridente está razoavelmente equilibrada; quero dicer con isto que non lle deu por empoleirar a unha mesa imitando á Jurado. Di-me que nen se me ocorra deixar medrar o pelo ou a barba, agora que tirei vários anos de riba.
Estridente marcha pronto; espera por ela seu pai, recén xubilado; como non ten que facer, prepara a cea dos dous cada noite, sempre ou case sempre o mesmo: ovos, e, desde que os hai, pementos de Padrón. Quedo con Ti e Vapin, que está acatarrado, canso, aborrecido do seu novo traballo; soña con fecharen os Sábados desde agora, asi poderia ir a Sanxenxo coa família, un auténtico clan, os Kennedy.
Debulla con desgana queixas, que sumo ás que debullou Domingo nas Cortiñas de San Román; ilustro-as coa sua imaxe recortada na porta da tenda en que traballa, ollando a Praza á espera das clientas; foi a semana pasada; vou polo Cantón levando da mao a nena, vexo-o casualmente e saúdo-o; el levanta a mao, e aposto dez contra un a que tivo que conter-se para non se ir connosco.
Mentres falamos de viaxes posíveis, imposíveis e pasadas, telefona Pólis. Xantaremos ou cearemos ou tomaremos unhas cañas este Xoves, cando a nena se teña ido.
Fará-me ben.

martes, 12 de xullo de 2005

Vésperas

A tres dias da miña partida todo parece ferver nas profundidades sen que a superfície das cousas, dos procesos, das encomendas en que interveño e que tento levar adiante, mostren a menor aparéncia de cámbio.
Teño, pois, os nervos como a corda dun arco.
Non seria mala terápia algo de sexo (sexo de vésperas, como en tempos na noite antes dun exame, como disque facia Napoleón a noite antes dunha batalla). Pero a preguiza é agora o menor dos meus males: paso o dia consagrado aos paseos e xogos coa miña filla, e cando chega a hora de deitar-me caio na cama como un morto.
Sen tempo para ler outra cousa que contos infantis, ou para pensar máis aló de entreté-la, ou para vir escrever nesta blo doutro xeito que non sexa case clandestino, non estou para buscar e muito menos para non atopar.
Simplemente vexeto e conto os dias.

Regresión

As mañás son unha pequena batalla de colacao e bolachas: hoxe montamos un puzzle de Pinocho antes de que a cunca dos Simpson deixase ver o fondo. Logo a nena saíu como un foguete: amigáveis voces chamaban-a desde Takatuka, onde Efraim Langstrum é rei.
Un respiro suficiente para cerrar o asunto da mudanza, finalmente fixada para o 18 de Agosto: Temos que ver-nos eses dias que pases en Atenas argallando a mudanza, sen falta, non digas que non, dixera Ambece ainda onte, os dous sentados no Parque de Íthaca mentres a miña filla voaba nun colúmpio.
Temo-nos que ver eses dias en Atenas, pero sigo sen saber para que; tampouco sei para que nos vimos onte: na meia hora que estivemos xuntos, cada un de nós emitiu o seu acostumado globo de palavras ao vento (escaso) que o outro non deu percebido.
Logo ela ergueu-se, encheu-me de bicos e recados, e emprendeu camiño.
Tiña que ensinar a casa de Atenas a un presunto comprador á mesma hora en que mo contaba.
A isto pode chamar-se regresión, ou como facer cen kilómetros en menos dez minutos.

luns, 11 de xullo de 2005

Rio

Despois dunha semana en que o frio vento varreu das ruas todo intento de calor, hoxe porfin o termómetro obrigou-nos a baixar até o rio.
Foi como atravesar a superfície dun lenzo de Monet: manchas de luz estamparon, irregulares e cambiantes, a erva fresca; o sol atravesou a follaxe das árvores, atomizando-se; e o rio, diante de nós e abaixo, proseguiu, calado e lentamente, o seu pasar toldo de sougas e reflexos.
Definitivamente, foi a primeira tarde de Domingo deste Verao, maina e como traida doutros tempos.
Meu pai abandonou o seu mutismo cotián para levar-nos, como un guia de museu ou un vello explorador, aos dias en que foi neno: ali aprendia el a nadar tirando-se desde os caneiros, por esa parte en que hai menos corrente pasaban el e os outros rapaces á outra beira, nadando coa roupa atada co cinto á cabeza para non a mollaren, acolá habia un refúxio de pescadores que a riada desfixo, por ai houbo un camiño que collian até a estrada, onde, agarrados á caixa dos camións, os nenos subian á cidade; das solas tacholadas saltaban faíscas ao contacto co piso.
Eran outros tempos, repite aos poucos, como desculpando-se.
Íthaca viveu sempre de costas ao seu rio; como o meu pai, que tan só agora na vellice regresa a el para recoñecé-lo sen embargo palmo a palmo: seguramente comprende que os tempos e el mesmo eran outros, que todas as cousas cambiaron, pero non o rio, que permanece imutável como se desafiase a Heráclito.
Miro a meu pai sentado baixo os carvallos, contando todas as cousas a miña mai mentres a miña filla xoga a coller flores e trevos ao pé deles dous. Neste cadro que nunca Monet pintou, o sol pinta grandes circos amarelos sobre a erva, atomiza-se ao atravesar as copas movidas pola brisa, reverbera na turva pel do rio lento e, por último, arrinca brillos da branca cabeleira do meu pai que mira atrás del. O camiño. O rio percorrido.

O tempo, que estivera detido uns anacos, bota a andar de novo, repentinamente.

martes, 5 de xullo de 2005

Orgullo


Sábado pola tarde paso pola de Vapin para deixar algunhas cousas. Tamén, para que me dea as chaves do garaxe. Está canso e non dá nengunha esperanza de saír á noite connosco; só falamos de cousas xerais: o seu novo traballo, a cea da miña despedida en Atenas, que vai facer el no Verao, que farei eu (Irlanda, mudanza, etc)...
Estou tan á vontade cabo do meu amigo que pasaria o dia enteiro sen facer nada máis: coas pernas estendidas e cruzadas xunto ás del, falándomos ou escuitándomos ou véndomos voar as moscas polo espazo da sala, aparvadas pola calor.
Non falamos, claro está, do noso.
Vou a correr para o Parque, onde están meus pais coa nena, e ali recollo-a para irmos á concentración da Praza Maior. Subida sobre os meus ombros, a miña filla aplaude cando estenden a enorme bandeira iris perante a Casa do Concello; un fotógrafo tira-nos unha foto entre os soportais; botamos a andar, entre os últimos tras a bandeira, por unha rua máis formosa que nunca baixo aquel sol vespertino.
A miña filla segue a facer-me preguntas sobre o que se está a reclamar naquela manifestación: non pode entender que alguén non permita as bodas entre dous homes ou entre duas mulleres. Por iso imos, para que ela poida seguir estrañando-se.
Para que o mundo en que viva a miña filla sexa mellor do que hoxe é. E ela sexa livre.
E eu sigo adiante orgulloso, polas ruas de Íthaca, coa miña filla sobre os meus ombros.

Primeiros dias

Sinónimo de vacacións: descontrol.
E asi é; seis dias afastado de Atenas e da miña vida ali, bastaron para converter a miña vida en Íthaca, onde agora estou, nun pequeno caos onde case todo o mundo parece intervir para impedir que algun xeito de orde dea callado.
Sobretodo, a miña filla, o demiurgo principal desta alegre desfeita.
Por todo isto talvez non sexa estraño que até hoxe non puidese acceder á bló, e iso desde un ordenador de Ciberália, clandestinamente, mentres avoa e neta van na praza por algo de peixe.

Como resume das idas e vindas destes pasados dias, o seguinte:
Xoves deixo Atenas coa firme convicción de que deixo algo esquecido; efectivamente: aló quedan o walkman, o livro de Peke e as chaves da auga sen fechar. Na Comarca, os dous hobbits adultos e a cria receben-me como esperaba: igual que sempre, igual que se nos vísemos por última vez tan só unha semana antes, e deste modo a conversa comeza a fluír entre nós como unha corrente amigável e doce no corazón do novo e confortável focho en que viven, no centro da Comarca.
Saímos a pasear e a tomar unhas cervexas; naturalmente, atopamos a P. e B., que nos conducen a un bar perto da ria.
P. é provavelmente o home máis freak que coñezo, infinitamente máis ca min (por suposto) ou que o mesmo Haddock: mentres paseamos pola Alameda, a sua conversa refere-se unicamente a xogos de rol, taboleiros, soldados de chumbo e planos de batallas que merca ou baixa da Rede. Nun momento dado, cando estamos á altura da estátua de Colón, queixa-se de que meia dúcia de partisanos custe máis do que un Panzer; digo-lle que só faltaria que as máquinas valesen máis que as persoas; Haddock escacha co riso ao ver o desconcerto de P.
Eles marchan, e a nosa conversa segue polas ruas e alguns outros bares encantadores da Comarca até que a Helena comeza a vencé-la o sono: daquela seguimos a falar na casa, na cociña.

Todo o que falamos ten que ver co paso do tempo, directa ou indirectamente.
Salce está ilusionada porque as últimas provas deron resultado negativo, e porque ao dia seguinte ten nova revisión; saberá porfin cando e como lle reconstruirán o peito.
Sen embargo, pola mañá as notícias non son boas; o peito seguirá como está.

xoves, 30 de xuño de 2005

Vacacións

Sigo a recoller tarecos. Fixen xa várias expedicións ao coche e isto parece non terminar nunca. O peor, de todos xeitos, fica para Agosto, cando veñan os homes da mudanza e carreguen cos móveis para o camión; pero daquela serán eles os que traballen, e iso é sempre un consolo.
Deixo Atenas: desde hoxe estou de vacacións. Lalalalalá.
Tamén esta é provavelmente a miña derradeira noite nesta casa.
Unha vez máis.