xoves, 17 de marzo de 2005

Afirma Kaplan

Confeso o meu pecado, pero tamén que fun descuberto e confortado na miña acción.
Afirmo que son sabedor de que se empeza por non asistir á misa os domingos e festas de gardar, que daí se pasa sen dificuldade a non saudar ás vellas bruxas do 3º andar, e a seguir, a comprar nun manta en pleno centro de Atenas, co evidente risco de ser sorprendido coas maos na fariña, como esta tarde me sucedeu a min, para a miña vergoña.
Afirmo que estaba na casa a facer a equipaxe e que descubrin que os discos que estaba a gardar xa os tiña ben escuitados, asi como que lembrei a recomendación de Teo, e decidin comprar algo de Scissorsisters. Afirmo tamén que, camiño dunha tenda calquer de discos, batin cun manta no meio da rua, en pleno dia e a poucos metros da Subdelegación do Governo.
Afirmo que mirei por simple curiosidade e simpatia, como todos, e que non tiñan o que conscientemente buscaba, pero que o meu subconsciente albiscou entre todas a carátula do que levo cantarelando desde hai duas semanas.
Afirmo que tras comprá-lo ao módico prezo de 3€, e cando ainda ben non o dera gardado no peto da chaqueta, sentin tras de min a voz cariñosa de Ilu, que non só non me censurou senón que me revelou algo sorprendente, a saber: que facia mui ben, que era un adiantado ao meu tempo porque os seus alunos lle dixeran e o seu home lle confirmara que internet ía terminar con todo iso dos discos e as tendas.
Afirmo igualmente que, confortado e convencido, os dous fomos tomar unhas cervexas e uns pinchos, e que calquera remorso que puidera sobreviver diluiu-se no amargor da cervexa, as olivas e as anchovas. E afirmo que, co gaño da compra, fun eu quen pagou a consumición, e que mesmo sobrou del.
Tamén afirmo que a voz de Diana Navarro leva horas soando na casa, e que gosto tanto dela que estou por sospeitar que ha de ser un espellismo, que non pode ser tan boa, que debe ser unha trapallada, e que mañá cando Vapin a escuite vai dicer que son un marulo, que mellor me seria comprar algo de Ana Kiro, se ainda publica, ou dos triunfitos, se ainda existen.
Asi as cousas, afirmo que a estas horas a maleta está sen facer, pero que as tres mulleres coas que neste momento ando en tratos non me quedarán en Atenas: nen a poesia completa de Djuna Barnes, nen o livro (bastante cutreiro) sobre o 11-M que estou por terminar, nen a voz da andaluza.
E por último, afirmo que hoxe é máis ben mañá, e que estas xa non son horas, polo que asino a presente como corresponder, etc. etc.

6 comentarios:

Óscar H. dixo...

Desta vez perdoámoste. Pero que non volva a pasar :-)

Peke dixo...

¡Como que non volva pasar! Que pase, que pase todas as veces que cumpra, ¡carafio! Que xa está ben ;)

Óscar H. dixo...

Non compro no top manta, pero teño o ordeñador descargando da rede. Agora teño un cheiro peculiar no estudio, coma a queimado :-))

Kaplan dixo...

non será xofre? ;-)

Óscar H. dixo...

¡Agora fasme duvidar! :-))

Anonymous dixo...

intiresno muito, obrigado