xoves, 10 de marzo de 2005

Sorpresa

Cada dia recibo, polo menos, duas mensaxes de Pólis viaxeiro en Londres. Na desta mañá conta-me que, como era de esperar, foron ver o cámbio de garda diante de Buckingham Palace; o ceo está coberto e, ao parecer, a Raíña non está en Londres.
Cada vez que lembro a despedida/presentación no aeroporto o pasado Martes sinto un empurre de abaixo arriba igual ao peso da sorpresa que sentin, e que se transforma non sei ben se en riso ou que. Que un antigo amante meu co que agora me une una amizade sosegada (todo o que permiten os altos e baixos do seu sistema nervoso e do meu) inície unha relación cun rapaz muito máis novo non me parece mal en absoluto; que a diferenza de idade entre eles supere os quince anos resulta-me incómodo, máis que nada porque me fai pensar en decadéncias e ocasos; que ademais Pólis me conte camiño do aeroporto que esta relación o enche de enerxia e o fai soñar, obriga-me a ser prudente.
Até aí, todo perfeito, non sendo que o rapaz ainda non traballa e será Pólis quen corra con todos os gastos. Eu, que son algo anticuado para algunhas cousas, prefiro non opinar, e calo de igual modo que calei con Pólis cando mo dixo, enchendo-se de enerxia e dispondo-se a soñar cada kilómetro que nos achegaba ao aeroporto onde el esperaba.
A miña sorpresa (e a del, e despois a de Pólis cando llo contamos) foi imensa cando atopamos a este rapaz, R., sentado na cafeteria xunto a unha maleta, e en canto se volve para darmo-nos as maos resulta ser un antigo aluno meu de COU, en Esparta, que marchara á Comarca a facer Belas Artes.
O mundo é un pañuelo, di R. sorrindo tras o impacto, e estendendo a mao. Ando pensando se será posível pedir ás autoridades do aeroporto a gravación das cámaras de seguridade: a cara que se nos puxo aos tres vai camiño de ser unha das iconas (!) do século XXI, segundo creo.

3 comentarios:

Óscar H. dixo...

Gústame a túa páxina. Porei unha ligazón na miña: Soños dun Pergamiño.

http://meumundo.blogia.com

Saúdos

Cesare dixo...

jajajaja
:)
teño verdadeira curiosidade por saber se é tan pano com din. Andamos argallando unha blogaiquedada. Non sei se a vostede esas cousas lle interesan. :)

Moraima dixo...

Nesta furtiva visita mañaneira liquidei marzo de 2005.
Ao final fuches á blogaiquedada?
Blogaiquedada...a redución do reducionismo.