luns, 7 de marzo de 2005

Mudanza

Para sermos xustos, debo advertir que nada do que postei o Venres se cumpriu, e todo grazas á mudanza meteorolóxica: a neve bateuse en retirada, e Sábado, como estivera previsto antes de non o estar, collín coche e mochila e fun buscar á señorita Kaplan para logo irmos a Ithaca.
Toda a planificación sofreu idéntica mudanza: Ambece marchara o mesmo Venres para Delfos, suspendeuse a sesión cinematográfica, o cenáculo de divorciadas, as copas de véspera en Atenas, os días de confinamento e incomunicación.
O Sábado o país era despoxado do seu parcial manto branco por unha choiva persistente ao comezo, que logo minguou até desaparecer, de maneira que polas rúas de Ithaca, pola muralla, polos xardíns, pai e filla procuraron sen atopar o menor residuo da nevarada que os cobrira tan só unhas horas antes: Papá, onde teñen gardada a neve?, preguntaba a pequena, até que porfín atopamos un bloque ao pé do Reduto Cristina, diante do muro centenario, resto dun boneco de neve.
Triste, sucio de terra e herbiñas, abandonado e convertido en xeo.
Co paraugas desprendemos un pedazo, que a nena quixo levar para a casa, inutilmente, porque se desfixo moito antes. E aí terminou o experimento.
É evidente que moitos anos despois, fronte á muralla, a miña filla non ha de lembrar a tarde remota en que seu pai a levara a coñecer a neve; cómpre unha mellor ocasión para que suceda.

Ningún comentario: