martes, 31 de xaneiro de 2006

Ring

Polis non dá tomado unha decisión sobre o legado Merceditas, a casa herdada da sua mai, e as procelosas augas do debate axitan as conversas dos amigos facendo-lle mudar de opinión cada vez que nos vemos.
Se hai uns dias estaba convencido de abandonar a ruína ou vender-lle-la a tias e primos, tras unha expedición acompañado de Tadsio-a-Lua e non sei que cios e prepúcios á sombra do castiñeiro, onte entrou na miña casa pouco menos que disposto a dar a vida por devolver o esplendor perdido a aquela Tara chairega naufragada en silvas.
Pedimos unha pizza, e da sua estraña maridaxe co licorcafé surxiron soños delirantes e kich de pérgolas, colúmpios no castiñeiro, solpores no porche ao canto dos grilos do Verao, e a visión dunha casa que nen co dobre do licorcafé consumido se achegaria á que visitamos aquela tarde de hai unhas semanas.
Pero estamos a falar da mesma casa? preguntei eu, xa farto, e Polis, atuado polo alcol e a roxa terra de Tara, ficou tan amoucado que a noite non foi despois a mesma.
Pero eu si, claro: ti sempre serás o mesmo, non si?, ti nunca cambiarás, Don Perfeito, rosmou poñendo abrigo e luvas cando marchava, mui seco, Polis.
Ao tornar para o salón, para alén dos murchos restos da pizza, Anibal Lecter pastoreava años silenciosos na TCM; e Don Perfeito, noqueado no primeiro e único round dun combate inesperado, tentava escorrer o que restase de licorcafé na botella.

venres, 27 de xaneiro de 2006

Manias

A petición dun dos dous hemisférios da Noite subsahariana, fago acto de contrición, e sen muito propósito de emenda, confeso, con humildade e certa vergoña, os cinco pecados capitais solicitados. Velaí:
  1. Ódio a sopa sobre todas as cousas: podo xurar que desde a última vez que a comin catro papas houvo en Roma, e cinco presidentes na Moncloa; naquela altura era eu un menino impúber, e hoxe nen son menino nen impúber, e algunhas veces até nen son.
  2. Non soporto os relóxios parados nen os calendários coa folla do mes anterior, tampouco os relóxios que non se axustaron ao correspondente horário de verao ou inverno. Folga dicer que, ainda tentando-o por experimentar que se sente, nunca dou chegado tarde a unha cita.
  3. Teño fóbia ás arañas: implacável, paralisante, imesurável; a soa visión dun destes seres pode arruinar-me o sosego na máis pracenteira velada. Obviamente, sigo sen acreditar na existéncia dos seus primos os ácaros: se tal sucedese, sucumbiria á loucura, sen remédio.
  4. Son escrupuloso comendo: pelo meticulosamente as laranxas até eliminar a capa branca que hai baixo a casca, retiro todos e cada un dos fios dos plátanos, ver tona no leite dá-me náuseas, chego a suar se vexo que a carne sangra no prato, etc.
  5. Angústia-me comezar unha cousa sen ter rematada a anterior, e iso vale para todo, sexan bolígrafos, livros, cursiños ou parellas; o cal non significa que non o faga, senón que me flaxelo duramente cando sucede.

Desexaria que confesasen as suas cinco manias Teo, Peke, Plattdorf, Cesare e Tong-zhi.

xoves, 26 de xaneiro de 2006

Loito

Ou de como algunhas veces a abstención (esta é dun 37%) pode ser cómplice e culpável.

E a frase todos son a mesma cousa resulta unha falácia indecente.

Ou de como o dito do meu pai, segundo o cal coa culler que colleres, con ela has de comer vale como triste epílogo a esta fábula.

Naturalmente, este blog tampouco está con Cavaco, e solidariza-se e fai-se eco do luto nacional-blogueiro degredado polas blogs irmás do Sul.

xoves, 19 de xaneiro de 2006

Necrolóxica

Sorprendentemente, non houvo visita de Nadal: nen cañas de crema nen puro pestilente na sala, nen tampouco crónica de conspiracións internacionais.
Hai unhas semanas chegou o último envio: dous cadernos ateigados de minuciosas inscricións en clave, informes, planos debuxados de lugares estratéxicos, mensaxes cifradas e estraños símbolos, que foron parar, como sempre, á caixa forte inexistente.
Hoxe no mercado meus pais atoparon as irmás, que lles comunicaron a triste morte por enfisema do máis veterano axente secreto ao servizo da Sua Maxestade.
Descanse en paz.

martes, 17 de xaneiro de 2006

Ruína

Sen saber máis del desde fin de ano, Domingo telefona Pólis. Tarde como era, con todo o meu cansazo despois da rota a Manderley coa nena, seguramente non entendin como devia o planning da tola aventura en que nos meteríamos ao dia seguinte.
De entender o que me propuña, con certeza teria dito que non.
Pero as cousas sucederon doutro modo, ainda que non como Pólis esperava cando onte nos atopamos para xantar na vila onde traballo; cando chegou, no batmóbil, eu xa ía polo segundo repaso ao xornal, carteleira e esquelas incluídas.

Diante do escasamente sofisticado manxar (chuletas con patacas fritas sobre pratos de duralex e ensalada de leituga murcha), Pólis foi-me expondo os motivos da repentina expedición, que resumo: coa morte de sua mai, Pólis converte-se en herdeiro dunha casa con terreo a uns cuarenta kilómetros de Ithaca; pero como é a casa dos avós, a Pólis tan só corresponde un terzo, porque os outros dous son das suas tias, esas bruxas.
E antes de vender-lles a parte ou comprar a das vellas, naturalmente quero saber de que estamos a tratar.
Pólis necesitava unha opinión obxectiva, o teu sentido comun, a tua intuición, o que sexa, que naturalmente non é posível disociar do meu pobre corpo, aquel que vagou sobre a lama dos camiños, que camiñou baixo o orvallo na tarde fria, que saltou chantos, e que en vez de cuarenta viaxou case setenta kilómetros por pistas forestais en que dava pena meter o batmóbil, en demanda dun grial con forma de casa.
Pasadas as 6, cando a escuridade se botaba sobre nós e sobre o mundo, cando pensávamos xa en renunciar, apareceu no conto pola beira da estrada, coma un sátiro de pucha e paraugas, un vello que lembrava á defunta Merceditas paz descanse, e que nos axudou a desfacer o novelo viário en que nos metéramos.
A casa, ainda en pé, non é máis que unha ruína: catro paredes de pedra co tellado afundido e un alboio; a porta, firmemente fechada, resiste ainda o pulo das silveiras que asoman polas xanelas do sobrado. Ao lado, iso si, hai un belo pomar e un castiñeiro.
Antes de volvermos para o coche, de costas á casa, Pólis mexou longamente; os dous rimos cando lle preguntei se marcava o território; anda, mexa ti tamén, invitou.

De regreso a Ithaca, a patrulla de tráfico coroou un dia de ruína cunha multa de 300 eurazos por exceso de velocidade. Iso si, levávamos os cintos postos.

venres, 13 de xaneiro de 2006

Pesquisa

Hai muitos muitos anos, cando o mundo era extenso, as canas, remotas, e eu estudava francés, o leitor entregou-nos na aula un texto para que o traducísemos.
Era a fotocópia da páxina dun livro; sen máis datos nen referéncias del que o número da sua páxina, 43.
Non recordo (nen importa para esta história) se dei feito a tradución, nen por que non preguntei a aquel profesor de que obra o quitara, pero o texto era dunha beleza tal que o gardei, preservando-o da triste sorte dos apontamentos, da hecatombe dos papeis inúteis. E á espera de desvelar o seu segredo, a fotocópia acompañou-me durante 22 anos.
Hai un par de semanas, estando con Ti na Cova, entrou co marido Queen, unha compañeira do centro onde agora traballo. Foron innecesárias as presentacións: era o leitor francés de hai séculos, e, seguramente animado pola cervexa, fixen memória para el e contei-lle o caso e a pesquisa.
Esta mañá no meu casilleiro havia un livro de Eduardo Galeano, Vagamundo, e na páxina 43 aquel texto que eu buscava, Mujer que dice chau. Este texto:

Me llevo un paquete vacío y arrugado de cigarrillos Republicana y una revista vieja que dejaste aquí. Me llevo los dos boletos últimos del ferrocarril. Me llevo una servilleta de papel con una cara mía que habías dibujado, de mi boca sale un globito con palabras, las palabras dicen cosas cómicas. También me llevo una hoja de acacia recogida en la calle, la otra noche, cuando caminábamos separados por la gente. Y otra hoja, petrificada, blanca, que tiene un agujerito como una ventana, y la ventana estaba velada por el agua y yo soplé y te vi y ése fue el dia en que empezó la suerte.
Me llevo el gusto del vino en la boca. (Por todas las cosas buenas, decíamos, todas las cosas cada vez más buenas, que nos van a pasar.)
No me llevo ni una sola gota de veneno. Me llevo los besos cuando te ibas (no estaba nunca dormida, nunca). Y un asombro por todo esto que ninguna carta, ninguna explicación, pueden decir a nadie lo que ha sido.
Algunhas veces, a eternidade non é demasiado tempo.

mércores, 11 de xaneiro de 2006

Elegantemente

Tomando café con Ti e con duas amigas antes de iren ao traballo, Mirinda anúncia-nos que vai pór á venda o piso de 120 m2 en que viveu con Vladimir (tan vacio de móveis e tan cheo de lembranzas, sostén), e que anda á procura de apartamento (total, para min soa), e un breve siléncio estende as asas sobre as cuncas e as luvas desmaiadas na mesa.
Cando a porta da cafetaria se abre para dar paso aos clientes, no ar xeado que entra cavalga a voz irta dun clarinete que un músico toca fóra, na névoa.
Instintiva e imprudentemente, o ollar de todos buscou o rosto de Mirinda.
E ali surxiu e esvarou, durante segundos intermináveis, unha bágoa; até que Mirinda foi para a máquina por tabaco, e tras ofrecer volveu á carga co asunto da mudanza e o aluguer e o apartamento e os móveis.
Elegantemente, como se a xordeira máis completa se acabase de instalar nos seus ouvidos ou no seu corazón.

luns, 9 de xaneiro de 2006

Post

Post coitum, post mortem, post natalem.
Hai sempre que bulir despois, para evitar a tristeza: desmontar a árvore (repentinamente virada un estorvo no salón), preparar clases (confeso que até hoxe no traballo non lembrei que impartia nen as caras dos meus alunos, canto máis os seus nomes), e limpar a casa, e pasar o ferro a algunha roupa indispensável.
Recolocar-me, en suma, axustando o meu horário ás abomináveis 7 da mañá en que o relóxio me pon a andar cada dia desde hoxe.
Asistin con lástima ás progresivas despedidas de Nican, de Fesore, de Tere Holmes para os seus respectivos pontos cardinais, rexistrei para a história que eu xa non me irei, que por primeira vez en catorce anos nengunha fria casa espera por min tras as vacacións.
E non direi, non, que non me pesa (tristemente, un pouco) porque ainda sinto o punxir do ollar dos meus amigos cando mo escuitaron dicer.

sábado, 7 de xaneiro de 2006

Horror

Entro en Renas e Veados esta mañá, e fico arrepiado coa imaxe que lles roubo, a mesma que emitiran as televisións todas o dia 5, e que eu, xorda e irresponsavelmente, esquecera.
Nen sequer as lembrei cando Ti e eu levamos os lotes de roupa aos mendigos do seu portal.
Que clase de seres somos, que clase de mundo construímos, que clase de vida vivemos, cando as máis atroces imaxes (os gatiños a xogaren co pardal, di o Renas) non duran nada na nosa memória?

Homeless


Pasaron os Reis, si: deron a sua volta anual por Ithaca, repartiron xoguetes e agasallos a nenos e maiores, fecharon coa sua marcha un nadal máis, pero volveron esquecer os máis pobres viciños de Ti, os homeless que viven desde hai anos ao pé do seu portal.
Queres que fagamos de Reis Magos? preguntou Ti na rua;volvíamos das copas, cheos de frio e alcol, na madrugada do Venres, e subimos ao piso, e de novo baixamos ao portal; esquivando os cartóns de viño e os restos de comida do chao, Ti deixou con cuidado tres mantas, tres mudas completas e tres libras de chocolate en senllas bolsas de papel, ao pé da cada unha das camas de cartón.
Os tres mendigos dormian e ninguén nos viu, nen tan sequer a lua crecente que, ao marchar eu para a miña casa, estava a ollar para outro lado.

mércores, 4 de xaneiro de 2006

Sombra


Cando penso que se fora, no mesmo Carrefour se me amostra, e non era a estrela que brilla pendurada sobre cada caixa, nen era o vento que zoa, porque nengun vento zoava nesta mañá soleada que aproveito para encher a neveira.
Non batemos os carros; en realidade apareceu de repente diante de min, a buscar a Zidane, que escapava dela brandindo a espada láser de Darth Vader e co intercomunicador galáctico no brazo esquerdo.
Saudamo-nos, e por liberar unha conversación que con grandes dificuldades se abriu camiño, preguntei-lle por cousas estúpidas como o nadal, o pé escordado do neno ou, a máis estúpida de todas, o traballo. En Marzo, cando terminen as rebaixas, empeza nunha tenda de zapatos, nunha rua que non coñezo, perto da sua casa, e Zara trata de orientar-me, mentres enreda cos dedos nos ferros do meu carro vacio.
Estamos parados xunto ás estantes das películas muitos minutos cargados de siléncios: non hai nas suas palavras aquelas aristas da última vez no parque, aquela feroz distáncia; pero tampouco hai máis do que unha leve, borrosa e apresada promesa de vermo-nos un destes dias, xa te chamo eu.
Deixo-a marchar sen facer outra cousa que segui-la cos ollos, a ela e a Zidane, camiño da saída sen compra.
Talvez, penso agora, podo pedir ás SS.MM. de Oriente un intercomunicador galáctico para ela e outro para min. Talvez, penso tamén agora, sexa un bon remédio.

(Ainda que, ben mirado, o casco dos Power Rangers tamén me mola).

sábado, 31 de decembro de 2005

Tránsito

Xentilmente, Vapin cedeu a sua casa e o seu comedor para a cea de noitevella, e cun pouco de sorte e bon facer, en duas horas estará listo o paviño que aso no meu forno para ali levar.
Mentres escrevo aqui as interrupcións son constantes, pero docísimas: a cada pouco sobresalta-me o aviso do móbil con mensaxes inzados de felices desexos para o imediato futuro, ese que o tenriño 2006, nu e babeante gateador, pronto botará á miña porta para que me adentre nel; desde o Sul, escuito as palavras de lembranza de Ambece, e desde a saudosa Atenas é Ilu quen me susurra esperanzadoras notícias sobre a saúde do seu fillo.
Confirman asisténcia á cea case todos os indispensáveis: estarán Tere Holmes e Nican co cava insustituível; Ti e o irmao de Vapin, fornecedores de mariscos da ria; Estridente prometeu os turróns e, para alívio de muitos e tranquilidade da cristalaria, que non danzará sobre a mesa; Vladimir acudirá cos rusos, os instrumentos e un caldeiro de sopa tschi; tamén irá Pólis a quen, non podia ser doutro xeito, se encomendou a selección do viño nesta noite sen nengunha lua. Máis tarde, cando as nenas estean deitadas, virán Fesore e Xa para cerrar a listaxe de pasaxeiros.
Pero estarán tamén a quecer o meu corazón o mártir Rambaut, Morgana, Arín, o señor Pito, Cláudio, Willy, Laurindinha, a Pícara, Nona, Tz, Cesare, Teo, Velis, i.a., Plattdorf, Pawley, Peke, Dot, Artipractor, Regueifeiro, Aquí, Dolphins, Xanfarín e todos os que xunto a Kaplan forman a fecunda irmandade virtual que por Ithaca transita.

A todos, un mui feliz ano 2006!

luns, 26 de decembro de 2005

Divórcio

Cea de Noiteboa e xantar de Nadal na casa dos pais, mui familiar e cos temas de conversa e debate acostumados, pero este ano brillando especialmente a lei anti-tabaco. Da mao da nena, vou aborrecido onte ao serao para a nosa casa, sen esperar a que miña mai, que non fuma, concluíse a sua ponéncia anti-lei-anti-tabaco, consistente na enumeración de todos os fumadores coñecidos que non morreron de cancro, e viceversa, os mortos de cancro que non fumaron un só cigarro en toda a vida.
As temperaturas subiron muito, pero segue indo frio, e as ruas esmorecen baixo os pasos dos que, coma nós, van á procura do seu lexítimo lugar e abandonan a casa familiar onde pasaron, un ano máis, o dia de Nadal.
Na rua do Santo atopamos a Vladimir, aquecendo os dedos para poder tocar; un pouco máis adiante, nas Cortiñas de San Román, Mirinda pasea con Ti e as duas veñen a facer-lle grazas á nena, que lles ensina o meu neto, orgullosa e chea de meco. Calo que vin a Vladimir, ese obseso do cibersexo, porque temo botar leña ao lume, e porque no meu cerebro ecoa ainda o Maldito internet de Mirinda cando o Xoves, na inauguración da Cova, deu por morta e enterrada aquela unión, confirmando asi os informes de Polis.
Internet uniu-nos e internet separou-nos, e acabou por converté-los en personaxes dramáticos: coñeceron-se nun chat, e agora, separados, Mirinda confesa que segue a buscar naquel mesmo chat o home da sua vida, nunha procura pertinaz e deseperada; tamén os converteu en personaxes de serial televisivo: mentres el volveu ás ruas de Ithaca co clarinete, ela toma a decisión de adoptar un fillo, e soña xa cunha nena oriental adormecida no colo como adormecido vai, coa fofa pel de goma ao lentor da noite, o meu neto, ese boneco rosado e gordecho que a miña filla arrola.

sábado, 24 de decembro de 2005

Feliz Nadal


Feliz nadal e paz para todos.
(mesmo para quen menos a merece por ser quen a bushca menos)

venres, 23 de decembro de 2005

Agoiros


Sucedeu esta mesma mañá, de camiño a Delfos para recoller a nena, e por segunda vez en poucos dias: despistado ou acróbata, un paxariño bate contra o cristal do coche; tras el deixa un resto de sangue e plumas antes de ser despedido, engulido pola névoa na mañá xeada.
Señores arúspices, será este un repetido aviso do destino?
Para vostedes, augures e sibilas, será que os deuses falaron novamente, que coas plumas desta segunda ave rescreven o meu fado?
Digan, pois.

mércores, 21 de decembro de 2005

Indícios

Non vou falar da rutina destes dias. Dos ires e chegares baixo a néboa destes dias á volta do feche do trimestre: pronto será Noiteboa, e un pobre animaliño, que non deu atopado caixa de relóxio en que acubillar-se, espera a sua hora, entre allos e erviñas, no frigorífico dos meus pais.
Un Papá Noel rosmón debulla as neuronas, sen carta orientativa e con poucos indícios sobre que xoguetes deixará baixo a árvore de Nadal para unha nena que acaba de enviar-me oito bicos telefónicos (iso foi o que ela dixo, exactamente oito).
Non vou falar tampouco de que os postais natalícios foxen do meu buzón como do lume, nen de que, separado dos informativos até hoxe por moreas de actas e exames sen corrixir, acabei tamén eu fuxindo en canto escuitei falar por rádio e televisión a patriotas de hojalata, bobos solemnes e canallas.
Iso si, antes de acabar o dia aprendo unha palavra, mui nova e mui vella ao mesmo tempo: camauro, e tamén que este ano non é que o vello dos regalos rapase a barba por ir de incógnito.
Ese é outro vello, tamén rosmón, que vive en Roma.
E que é papa, pero non papá.

sábado, 17 de decembro de 2005

Povo creador

Evidentemente, o falante é dono e creador da sua língua, e fai con ela o que quere.
Hai poucos meses, contava-me Vapin que alguén o puxera a pan parir, facendo unha sorprendente mestizaxe mui expresiva.
A semana pasada, unha aluna miña define a sífile como unha enfermidade penérea.
Onte mesmo, o meu cuñado, no seu castelán vallisoletano inzado de leísmos, conta que por veces hai que facer as cousas non a hurtadillas senón a octavillas.
E ámbolos tres ficaron tan anchos.

xoves, 15 de decembro de 2005

Abúlia

Inesperadamente, nun lamentável exercício de boicot e falta de colaboración, o ferro de pasar derrama todo o seu contido líquido sobre a camisa xacente, e entra en agonia. Vai-se con el unha tarde de traballo doméstico apenas iniciada, e un dos regalos do noso casamento.
As consecuéncias son as esperadas: deixo para mañá o que devia facer hoxe, e sucumbo ao inútil encanto de facer que fago para non facer nada finalmente: carguei a lavadora, pero poñerei-na mañá porque ainda non está chea.
Empecei a montar o belén coas figuras que comprei no finde coa nena, pero deixo-o porque a caixa de zapatos camuflada agora non me convence como sucedáneo de portal. Tampouco podo guisar: no fondo do tarro hai unha mísera puñada de lentellas que non abondaria nen para un petisco, canto máis para convidar a xantar a Polis mañá.
Iso si, existe a posibilidade de vestir-me, calzar-me e saír á rua a comprar as cousas necesárias, pero non: deixo-me ir tarde adiante como se un rio me levase cara ao mar da abúlia e a atonia.
Ao facer balance, o dia ofrece un saldo exíguo: apenas uns cantos exames corrixidos, unhas poucas páxinas lidas de 2666, a novela de Bolaño, e este mesmo post.
Tamén vários kilómetros en voltas pola casa.
E si: os cacharros de almorzo e cea ainda emiten sinais desde o limbo do vertedeiro.

martes, 13 de decembro de 2005

Descubro

Descubro con estupor (é unha forma de falar) que tan só restan doce días para o Nadal, e nove para un sorteo do que aínda nen sei que número xogo cos meus amigos.
Descubro que tampouco enviei as felicitacións, a estas alturas, así que corro a comprar un lote de postais, que escribo un pouco a repelo, como fago sempre.
Descubro entre elas un formoso anxo tocador de laúde e, aínda que non pensara facelo por non tender pontes, decídome con rapidez e entusiasmo; rememoro escritor, número e piso, e envío a un diminuto apartamento de Atenas unha sincera e fraternal felicitación.

Agora só espero que Melómano recoñeza o remitente.

luns, 12 de decembro de 2005

Proxectos


Sigo xantando na casa dos meus pais case cada dia.
A dicer de Vapin, que estivo aqui Domingo ao serao, iso non ten xa remédio: seguirei e seguirei indo para sempre, di-me desde a sua experiéncia, e sinto que ten razón, como sinto que ir cada dia condiciona o meu horário, e, naturalmente, a miña autonomia.
Pero mentres certas cousas non muden, a cadea non romperá.
Domingo, pois, á volta de Delfos: vou gardar o coche no garaxe, e Vapin diante do portal, que ten que entrar en internet para mirar o correo e buscar información sobre móbiles.
Bebemos cola con whisky no salón, os pés sobre a mesiña e na tele sen voz a canle de cociña, e facemos proxectos: consegue alistar-me para a cea do amigo invisível, e sorprende-me con que espera livrar Sábado Santo, abrindo asi para os dous un belo panorama nos máis fastidiosos dias do ano.
Tamén falamos de Tere Holmes, que estivo na casa a véspera, cargando con lápis e un xogo magnético para a miña filla: Mentres a nena, indiferente a todo, facia polígonos e dodecaedros, Tere Holmes expoñia a nova versión d'Os amigos de Peter que podemos reeditar este Verao. Vapin está encantado coa idea e imaxino que Ti, cando llo digamos, tamén se anotará.
Dado que os recentes zurzidos cardíacos no sete emocional de Vapin poden non estar cicatrizados por completo, non puxen condicións: se Estridente vai e a de Peter se converter na casa de Gran Hermano, se en lugar de preocupar-nos polo tempo e a maionesa das tapas nos temos que preocupar de que Estridente non rompa a cabeza por imitar á Jurado, daquela eu lembraria algunha cousa urxente e daria-me de baixa.
A deus poño por testimuña. Amén.

venres, 9 de decembro de 2005

Sóbolos rios

A data exacta é imprecisa, pero esta blog fai un ano estes dias; nego-me rotundamente a empregar palavras manidas nas efemérides, asi que aqui non houvo parto nen criatura, nen haverá cabodano ou celebración.

Robinson deixou a desolación da illa e, feliz como Ulises, vive xa entre os seus parentes.
O mundo deu a volta a Kaplan en 227 post, pero o coitado segue indescifrável: Sóbolos rios de Babilónia sentou, e pena con saudades de Sión; mentres, pasma a mirar non sei ben o que, cousas penduradas nas árvores.

martes, 6 de decembro de 2005

De profundis

A tose, telúrica, que teño desde hai un par de días remexe agora non sei que seixos embolsados no meu peito.
Na gorxa medráronme silveiras que, con espiñas feroces, rabuñan a larinxe cada vez que trago o fluxo de areas en que se transformou a miña saliva.
Un alvanel minúsculo e incansable fura a cada pouco dentro do meu cranio: sen piedade nen festivos, hoxe concentra minuciosamente maza e cincel no parietal esquerdo.
Por nariz teño unha billa pingante e mal fechada; choromico dos ollos e apenas podo ouvir, e esta voz que sobrecolle a quen está ao outro lado da liña non é a miña, con certeza, porque eu aínda estou vivo.
Mañá, se algo resta de min, voltarei ao médico.

luns, 5 de decembro de 2005

Ciúmes

E saíu.
Lucíu toda a noite con humor e esa apostura de quen está en casa própia. Todo se lembrava en binómios: recordos de Tadsio e eu nos tempos en que era meu aluno, as miñas clases, que foi dos seus e os meus compañeiros, o porqué do meu traslado; recordos de Tadsio e Polis no Marais e polo Soho; recordos de Polis e eu cando latábamos ao instituto para irmos aos billares, ou víñamos para aqui co pretexto de facer algun traballo e...
Creo que ti daquela inda non naceras, mira se non choveu. Isto foi Polis quen o dixo, e rimos todos, pero a primeira nuve escureceu o mantel imaculado e aquel sorriso lunar.
O segundo e definitivo eclipse viria despois, tomando unha copa; Polis e eu falávamos de calquera cousa; Tadsio, o sabuxo, rondava á nosa volta, ben cargado. Dá-me as chaves que te espero no coche, dixo para Polis, repetinamente: Pensei que tiñas ganas de estar comigo.
E marchou. E Polis atrás del.
E eu atrás de Polis, maldicendo a vida.

sábado, 3 de decembro de 2005

Tagine

Aquela cea con Polis e Tadsio-a-Lua, tantas veces anunciada e tantas outras adiada até mellores ventos, tivo lugar porfin onte á noite.
Ainda que a cociña marroquina non é o forte de Polis (o exceso de comiños arruinou o prato), e se esquecermos unha estraña escena de ciumes cando tomábamos unha copa nun local, de madrugada, todo correu fluidamente.
Pola tarde, cando pasei a deixar-lle o tagine, Polis andava á deriva pola cociña pelando cabaciños e cenoiras, pendente do año que dourava, e mui alterado. Era a primeira vez que el e Tadsio, a aquela hora en camiño desde Teucro, dormirian na casa en que Polis ainda non dera ben conxurado a presenza de sua mai.
Preocupado por muitas cousas (e non era a menor que o cheiro da pintura ainda fresca fose tóxico), levou-me a ver o seu novo cuarto, o dormitório principal, totalmente renovado.
Sorprendeu-me o estilo oriental, demasiado minimalista; provei o tatámi, o brando futón; fixen que non via a Polis espallar e desordenar os bambus decorativos tentando-os recolocar nun recanto; vin despois o vello cuarto adolescente, no sucesivo para invitados, en que tantos equilíbrios tíñamos feito para non caírmos da cama estreita. Nós daquela era diferente, miña mai podia pillar-nos e aí estaba a cousa, pero agora non sei que me dá facé-lo no mesmo cuarto en que morreu, por muito que cambiase os móveis e a pintura.
Cando pasadas as 10 me abre a porta, a cara de Polis reflicte unha mudanza no seu estado de ánimo; o dormitório fora estreado con éxito e Tadsio estava na ducha; Polis suliña cun sorriso a tenra obscenidade dos seus comentários e xestos mentres me serve unha copa de viño, e agardamos a que coza o couscous e A Lua saia esta noite.

venres, 2 de decembro de 2005

Canas


Aproveitando-nos do dia do espectador, vou con Ti ao cine.
Cando chego, xa ela me está a esperar no vestíbulo, xunto a un enorme cartaz de Harry Potter, como se ela mesma fose unha das profesoras de Hogwarts, a de História e Dialectoloxia da Adiviñación por exemplo.
Ao escuitar o meu saúdo, Ti volve-se e recebe-me cunha nuve de fume e un comentário que quixo ser construtivo pero foi demoledor: Vai con ollo cando te coces nalgun xersei de angora, que mira como ves.
Pero non. Os pelos brancos na barba non eran de nengun xersei; son todos meus.
E a película de Coixet, como era de esperar, resultou magnífica.