mércores, 28 de setembro de 2005

Minotauro

Zara chama onte para saber como estaban as mazás e eu invítoa á compota, e ela aparece a unha hora absurda: despois do traballo e mentres Zidane vai na academia de inglés. A compota está pasada de azúcar e pica na gorxa ao tragar, non valen disimulos, así que Zara rise de min con ese riso azul de todas as veces, e traio da cociña unha libra de chocolate, para compensar, e ela di que nos imos poñer coma dous pipotes, que bendito chocolate que compensa outras carencias, e ponse a contar máis anacos daquela historia da muller perdida no labirinto.
Miro para o televisor aceso e sen voz: o último que vexo antes de deixarme arrastrar aló por ela é unha imaxe de Arthur Miller nun documental.
Despois Zara marchou, a correr, alisando a roupa, e eu aínda seguín no salón até que o sono me foi vencendo. Vin mapaches, morcegos, momias, abellas, as catro amigas e até o Castelo dos Windsor antes de descubrir no espello do baño quen era o Minotauro.

luns, 26 de setembro de 2005

Wanted


Fin da illa anónima, dos meridianos inumerados e dos soños de liberdade de Robinson; a sobriña neta de Sherlock Holmes chega á Corte e o primeiro que fai é enviar-me un e-mail con crónica de obras e atascos que termina nunha gillette: He limpiado la nevera y te he encontrado Robinson...

Durante dez dias estivéramos a xogar ao gato tras do rato para afinal virmos ás mesmas, asi que no dia de hoxe, cativo e desarmado Robinson en Ithaca, Tere Holmes acada os seus últimos obxectivos e eu, Kaplan, dou-me por vencido. Pido papas!!

domingo, 25 de setembro de 2005

Mazás

A rentes de marcharmos a nena e eu, Zara chama polo móbil: que baixe alguén, que teño unhas poucas mazás da casa para vós...
Un bon saco delas enche agora a casa co arrecendo estupendo do Outono, coa expectativa da compota que elaborarei desde mañá, coa calada alegria de quen recebe un presente coma este.
Inesperado, gorentoso, pracenteiro.

xoves, 22 de setembro de 2005

Fobias

Despois dunha mañá enteira percorrendo os meus novos dominios, despois de que me aparecese inesperadamente compañeira de viaxe tres días á semana, despois dun desagradable enfrontamento con dous neanderthais, chego á casa tan canso que paso de tres e vinte a cinco e meia man sobre man sentado diante da mesa do estudio.
Pasmando.
Faime compaña unha mosca teimuda que poliniza os bolígrafos da xerra branca. Fixen por espantala varias veces ao principio, logo deume igual, e ao fin case intimamos.
Lembrei que en Exipto o faraón concedía unha mosca de ouro como premio á tenacidade no combate. Despois pensei que podía ser bon permitirlle que camiñase polo meu brazo como inicio da terapia antifobias. Por último, decateime de que nunca falei de insectos nin arácnidos na miña blogue, e que podía ser unha oportunidade para desvelar o grande segredo: Robinson teme furiosamente esas noxentas criaturas d'el-Señor.
Ás 5'30 (exactamente) chama Polis no porteiro automático: cando sobe reñe comigo porque estou aínda sen vestir, vaime reñendo corredor adiante até o dormitorio; tamén me conta as últimas noticias de non sei cantas historias mentres saco unha roupa e vou pondo a de saír, e Polis segue a contar cousas até que fica calado, a mirar para min: Pero ti estás engordando, amiguiño... a ver, dá volta... outra vez... ui ui ui.
Rosmo, inutilmente.
Podía ser peor a tarde? Pois si: a amiga de Polis concéntrase tanto en completar o meu historial fóbico e psicolóxico que saio da súa casa con tal sensación de ridículo que me xuro non volver máis por alí, e cando no móbil soa a chamada de Polis, simplemente, desconecto.

mércores, 21 de setembro de 2005

martes, 20 de setembro de 2005

Souvenirs

Teño que apresar o paso, porque ás 20'30 quedei de recoller a Polis, a quen hai mes e meio que non vexo, na porta do seu traballo. Dixen xa que estava a cansar-me tanta vida social, pero ainda estou máis farto de ter que percorrer Ithaca arriba e abaixo para recoller os amigos, baixo o pretexto de que son o que non traballa.
Pois ben: con algo de apuro e o corazón encollido polas confidéncias de Zara, reúno-me con Polis e pronto estamos brindando con senllas pintas, que inxerimos cunha ánsia só comparável á que temos de nos divertirmos.
Posta en común: conto-lle o que me sucedeu estes últimos tempos; falo-lle da casa nova, que ainda non coñece; vou até Dublin e Limerick nos meus informes, sen ocultar nada; rondamos a história do aborto de Mirinda, que el enriquece con cotilleos segundo os cais aquel amor paneuropeo que supuñamos imortal fai augas por todos lados; poño-o ao corrente, en definitiva, das vidas e facendas dos meus amigos.
Polis fai o própio: conta-me que estivo en Roma e volveu ao Trastévere, esta vez só; que visitou Florenza e Siena, e que como Aschenbach coñeceu Veneza; e é máis, que me trouxo un regalo, e que só mo dará se acerto unha adiviña: Que cousa cousiña lle falta ao David?
Digo as cousas máis estúpidas, como unhas gafas de sol, un sombreiro ou un prepúcio, preocupado porque non teño nengun regalo para Polis, nada lle trouxen de Irlanda, e mentres penso como arranxar a desfeita, bebo da pinta e digo desatinos: un amigo, unha gabardina...
Tacháaan!!!
A resposta flamea de pronto ante os meus ollos: un boxer de algodón coa pirola do David debuxada.

Confidéncias

Dixen xa un destes dias que non paro de ver xente, e que toda esta vida social á que non estou acostumado chega mesmo a agobiar-me algunha vez. Confio en que o final de tantos encontros estea no comezo das aulas, principalmente porque terei que madrugar todos os dias da semana.
Onte á tarde fun recoller a Zara ao traballo; queixa-se de que vai frio, de que lle doen os pés de pasar tantas horas sen sentar, e que de non volveu ter notícias da entrevista da semana pasada. É como un prólogo: entramos nun bar dos Viños para que tome un café con leite e se abra en confidéncias. Está tan triste que me conta cousas que non deveria; a min, a quen coñece de hai só dous meses, de compartirmos banco no parque mentres os nosos fillos xogaban nos colúmpios e os pavóns ouveavan horrivelmente.
Asisto ao final do seu matrimónio, diso estou tan certo que até me sorprenden as coincidéncias do seu caso e doutros; tamén do meu caso, claro. Por iso e polo tremor da voz dela, case un susurro, acariño co ollar a morna crema da miña pinta en lugar de mirar-lle para os ollos: para que os vou mirar? para ve-los húmidos e profundos, como dous pozos até un corazón encollido que sabe xa o que a cabeza, obstinada, nega?
Camiño da sua casa, moi perto xa do portal, Zara deixa de falar e os dous camiñamos en siléncio uns anacos. E de súpeto salouca, e di que non está preparada para quedar soa. E quen o está, digo, pero a miña pregunta non é unha pregunta senón unha afirmación, ainda que trato de agochar-lle dentes e gumes, e engado que deveria ir asumindo o que salta á vista.
Zara abre a porta, volve-se para mirar-me mentres me aperta o brazo un segundo, e entra.

luns, 19 de setembro de 2005

Ghalogüin

Indo camiño da miña casa, tento adiantar dous rapaces que falan mentres empurran as bicis; van ocupando todo o paso, e non podo deixar de escuitar como un deles se lamenta de que este ano o seu cumpreanos vai coincidir con Halloween.
Cando consigo deixá-los atrás e chegar á casa sinto-me abraiado, abducido e colonizado como nunca polo cine americano. Repentinamente, sobresaltado pola peor idea, corro ao calendário: por un momento pensara se o meu aniversário podia ser que coincidise co Dia de Acción de Grazas.
Felizmente, non.

domingo, 18 de setembro de 2005

Illa anónima

Ás veces é mester cambiá-lo todo para que nada cámbie. Por iso a sustitución do vello título da bló, por un novo título que alude xa a chegada, a estáncia, a permanéncia: Ulises, Robinson, ou Kaplan, terminou o seu longo camiño de experiéncias feito, e agora vive entre os seus parentes.
Pero o motivo de romper amarras non é realmente este. No post anterior xa eu oscilava entre seguir adiante ou parar, perante a presión que supuña saber que a bitácora fora descuberta novamente por unha das suas personaxes.
Pois ben, existia unha terceira via: cambiando o título e o enderezo, a illa seguirá existindo, pero xa non darán con ela facilmente os que a procuren a barlovento dos horizontes.
Será como volver empezar, outra vez nun meridiano innumerado.

venres, 16 de setembro de 2005

Encrucillada

Incrible pero certo: Tere Holmes entra no buscador para atopar o seu enderezo electrónico e o que atopa é este blogue, no que entra para ler como en Setembro pasado Vapin e eu teimábamos en facela desistir de cambiarnos por unha depilación.. 
Agora, outra personaxe deste universo (e van tres) descobre unha nova dimensión de si mesma que nin sospeitaba hai poucos días, e este demiurgo á inversa houbo de comparecer e explicarse.
Vai resultar que os irmaos blogueiros tiñan a razón cando mo advertiron, e que o que era unha Ithaca secreta vai devir nalgo parecido á casa de Gran Hermano.
Xorde entón o desacougo de non contar no sucesivo o que quero senón o que debo para non rabuñar a sensible pel da amizade; o desacougo de pensar que os meus amigos deixen de comportarse espontaneamente, sabéndose retratados; o desacougo de interferir no curso natural das cousas, coma os deuses antigos interviñan nas vidas dos mortais.
Nestas estamos, e esta mañá cando me erguín pesaban sobre o meu ánimo de igual modo a posibilidade de seguir coa bitácora como a de fechar Ithaca para sempre.
Baixo sete chaves.

mércores, 14 de setembro de 2005

Atrapa-soños

Decidido: mañá mesmo, en canto volte, compro-lle un á miña filla para colgarmo-lo na sua xanela.
Lástima non dar-me decidido hoxe.

martes, 13 de setembro de 2005

Mercado

Se onte pasei a tarde coñecendo o mundo laboral da mao de Zara, mañá marcho para Atenas a xantar con Ilu e Ambece. Os dias pasan a correr, e enchen a miña vida en Ithaca de acontecementos, compromisos e citas que non me deixan ver o bosque.
Impón-se, pois, unha tarde desconectada: volvo da de meus pais á miña en canto rematamos o café, poño unha lavadora, recollo a roupa posta a resecar hai tres dias, limpo os baños, atopo unha boa escusa para non pasar o ferro á roupa recollida, e esta é que devo responder un certo número de e-mails que sen escusa ben poderia responder a semana vindeira.
O certo é que a sensación de desagrado da tarde de onte perdura ainda: o mesquiño portador do ollo artificial, a sua suficiencia mediocre e vaidosa seguen a tanxer as miñas peores cordas.
Sen embargo, Zara é optimista co resultado da entrevista, pero paradoxalmente di que non se fai ilusións, que sabe que con 35 anos o traballo vai ser para outra, ou, máis provavelmente, para outro.
Falo con ela antes do xantar, sabendo que hoxe traballa de tarde; interrompe a conversa para retirar a tixola do lume; sinto-a manexar cacharros ao outro lado do fio; volve e pregunto-lle que van comer hoxe; peixe, responde. Claro, hoxe é Martes, dia de mercado en Ithaca: tamén nós o xantaremos, e Vapin, que me chama para dicer-me que ao serao non irá á Cova, tamén me di que está a asar unhas xardas.
Parece que toda Ithaca está a cociñar peixe, e a min lembra-me cando era neno, e cada Martes e cada Venres, os dias de mercado, havia peixe fresco na nosa casa.

luns, 12 de setembro de 2005

Entrevista

Pídeme Zara que a leve a unha entrevista de traballo nun hotel dos arredores de Ithaca.
Telefona o Domingo ao serán, descúlpase por non ter dado noticias nos últimos días, e conta que unha multinacional de seguros anda á procura de persoal; sería magnífico, di, deixar unha multinacional por outra, e que ese aprenda que podo facer máis que vender blusas e esperar que non me renoven o contrato. Dígolle que a levo, pero con reservas: todo depende de que estea listo o coche, ou se non, de que o mecánico se apiade e me preste un.
Sucede isto último, así que nun vehículo de reposición, coa marca da empresa por todos lados, imos para o hotel; mentres guio, véxolle retorcer as mans e aparentar sen moito éxito que vai tranquila a unha entrevista sen posibilidades, tan só por probar; mesmo cantarela en baixiño a canción do cedé, como se protestase porque tamén a ela lle caera unha estrela no xardín.
Entra e eu fico no coche en dobre fila, á sombra, a ler.
Vexo dun lado para outro homes con traxe e maletín que falan polo móbil mentres van aos poderosos automóbiles que os esperan, ou que saen deles para entraren no vestíbulo que me nego a coñecer.
Aparvado por tanto ir e vir, mareado polas gravatas, trato de afundir a vista e a atención no libro; até que alguén quere sacar o coche e bate cos dedos no meu cristal: Hostiá! Non me digas... Canto hai que non nos vemos?
Ao saír do coche, mentres me sacode a man, recoñezo no executivo de traxe escuro e gravata salmón o neno que foi, apesar da calva e os anos; non hai dúbida: delátao o ollo de cristal inmóbil, fixo en min ao conversarmos, xa na cafetería, mentres nos serven un gin-tonic para el e un refresco para min.
Cando lle conto que son profesor parece que sente pena, el que é director de área nunha empresa de selección de persoal que surte a todo o Noroeste...
Di surtir, como se falase de mercadorias, recambios, material funxible, e eu acórdome das mans inquietas de Zara.
Falamos dos profesores que nos ensinaron as matemáticas, a gramática, a ortografía, a historia, e parece a súa lástima maior ao evocar aqueles vellos, as chaquetas gastadas, as gravatas, é que daban pena, os pobres.
Pero cando di que a fin de contas o noso traballo vén sendo o mesmo, que tamén el se adica a seleccionar xente, carne para a universidade ou carne para as empresas, dá igual, entón non podo máis e dígolle que nin o pense, que pode tomar todos os gin-tonics do mundo e aínda así os nosos traballos non terán nada pero nada que ver, e que xa vai sendo hora de marchar, e ao irme, vou sentindo no lombo a ollada atónita do cristal, mentres queda atrás aquel fantasma do pasado co vaso do gin-tonic na mao e a horrible gravata salmón a reptar na camisa rosada.


Cando despois, no coche, Zara me fala dun home calvo, cun ollo de cristal, que andaba supervisando as entrevistas, cóntolle que eu estudei con el na escola, e que se lle dabas 2 pesetas sacaba o ollo diante de ti. Non pode ser, pero que me dis?
E que se o que lle dabas era 1 peso, até che pousaba o ollo nunha man
Así consigo que bote a rir, que esqueza a maldita entrevista.

domingo, 11 de setembro de 2005

New York, ano 0

Catro anos, duas guerras, miles de mortos despois... e ainda ás voltas no labirinto.

sábado, 10 de setembro de 2005

Rocho

Disque cando Carter axexou por vez primeira na tumba de Tutankamon, as suas palavras foron: Vexo cousas maravillosas.
No noso caso non sucedeu asi, senón ao contrário; as palavras de T. na porta do faiado foron: Vexo cousas horrorosas. O cal non foi impedimento para que, evitando mirar o Cristo do recanto, ela e Ti desen na rebusca polo armário e as caixas.
Non se trata de roubar nada, tan só de fedellar un pouco, dixera Ti meia hora antes, sentada no meu salón e agarrando unha copa; Vapin intercedeu: a ver se vai haver algun álbum de fotos vellas, ou unhas películas como as de Madronita Andreu? Anda, di que si, porfi, porfi.
Sen te-las todas comigo fomos aló, e aos poucos minutos a procura do Santo Graal polo meu rocho deu os primeiros froitos; nada do que se esperaba: nen fotos nen películas, pero Ti estivo o resto da noite a asar-se baixo o gorro de peles dunha gran duquesa rusa, T. escolleu un rosário con doas de cristal que reconverteu en colar, e Vapin baixou cuns anteollos redondos, con montura como de carei e lentes grosos de cus de botella, que lle deron unha mirada acuosa, até que empezou a marear-se e houvo de quitá-los.
Sen embargo, o arrepio viñera cando T. abriu un bolso de veludo negro, e, embrullada nun papel de seda, atopou dentro unha longa trenza loira.
Un mistério que non demos descrifrado, pero xa vos contarei...

mércores, 7 de setembro de 2005

Avaliación

Vou para Atenas cargado de fracasos escolares; esvaece o mítico aprovado xeral dos profesores que marchan perante o caudal dos alunos non presentados e os exames en branco.
Avanzo por unha estrada na que cavalgan os cavalos do Outono baixo un ceo de chumbo que agoira a choiva.
Asisto a unha avaliación en que se chega a propor convocar de novo algun aluno non presentado porque é mui bon rapaz e é unha pena que non promocione; mesmo, hai quen di que pode ir á casa del a examiná-lo; ao paso que vamos, digo, acabaremos por levá-los ao retrete e atar-lles as zapas. As opinións dividen-se.
Cando todo termina, marcho descorazonado; de mal humor porque non están as actas, e iso obriga-me a volver mañá a Atenas, cuarta vez en seis dias, tan só para asinar. Saio á rua e a choiva molla-me a camisa camiño do coche, que espera por min lonxe, no aparcamento dun supermercado en que aproveito para facer a compra do dia: ovos, galletas, tomates, leite, e un ovo de chocolate para a miña filla, que quedou en Ithaca con sua avoa.

xoves, 1 de setembro de 2005

Achado

O dia da inauguración do novo covil chega Vapin antes que as outras para axudar-me a levar ao faio as últimas caixas, os últimos restos de naufráxio ainda varados na praia. A dona do piso dera-me as chaves o dia que asinamos o contrato, pero nen me dixo cal era o rocho dela nen o que contiña, tan só que estaba cheo de cousas vellas, e que por favor non rompese nen descolocase nada.
Despois de provar a chave en todas as portas e atoparmos a que era, descobremos que, como Marcelino, tamén eu teño un Cristo no faiado. Mide máis de metro e meio, e estaba envolto nun plástico que atravesaban as espiñas, coma un cadáver de serial televisivo, o que talvez facia máis sinistras as suas feridas e laceiras, as feizóns trémulas e desencaixadas, a chaga do costado, os ollos entornados...
Pero non está só: con el hai unha morea de santos e virxes muito máis pequenos; de xeso, nada valiosos, non se pense. Alguns envoltos en plásticos cheos de porcaria, pero outros mostrando con total desinibición as eivas e marcas dos seus martírios espantosos.
Desexando que nengunha voz desde o alto me pedise pan ou viño, arrumamos de contado as caixas nun recanto, fechamos a porta para sempre, e fomos abaixo, a preparar as cousas para a festa.

martes, 30 de agosto de 2005

Felicidade




Hereux qui, comme Ullysse,
a fait un beau voyage,
ou comme celui-là qui conquit la toison,
et puis est retourné, plein d'usage et raison,
vivra entre ses parents le reste de son age!
(J. du Bellay)

Asi, pois, a felicidade era isto...

Escena

Para mellor aproveitar a boa tarde, levo para o xardin ao pé da parróquia que me corresponde desde hai unha semana (por certo, a mesma en que meus pais casaron), a novela gráfica en que Giardino pon a Max Friedman na Porta do Oriente. E ali me sento, baixo unha camélia, rodeado de vellos, de nenos e de cans.
Non pasa meia hora cando empeza a soar o móbil (xuro que un destes dias cámbio a horrível sinfonia); sucesivamente Pólis, Ti e (uf!) Zara, que aos poucos minutos aparece, armada cun plátano pelado, dando a merenda a Zidane; esta vez el trai a camiseta de Raúl e mui pouquiñas ganas de portar-se ben, e ela o que os contos chaman cara de poucos amigos.
A guerra logo se desencadea: tras algunhas escaramuzas, o plátano vai parar ao chao, produce-se un conato de bofetón imediatamente abortado, e a seguir, o drama. Zara di-lle ao neno que é tan túzaro coma seu pai; Zidane berra, como resposta, Non fales mal de meu pai, filla de puta, que te mato!!
Pareceu que os vellos, os nenos, os cans, e até os paxaros, se detiveran naqueles segundos terríveis. Zara soubo dicer Imos para a casa, anda, e o neno, como livre dun gran peso, mansamente botou a andar diante dela e por entre a xente que os miraba.
Zara murmurou que nos chamaríamos mañá.
Acordou-me unha frase implacável da miña avoa: Os pais son os ósos en que os fillos afian os dentes.
En canto desapareceron Zara e o fillo, erguin-me e marchei. Mirei o plátano ao pasar: as formigas acudian ao festin.

luns, 29 de agosto de 2005

Verniz

Atenuo a resaca con figos que me trai Fesore, que vén esta vez sen nenas, e que comemos ao roubado nunha terraza das Cortiñas de San Román. A mañá está espléndida, mesmo através dos lentes escuros cos que tento combater a fotofóbia.
Precisaba dunhas poucas horas máis de sono, pero resulta que Fesore marcha mañá e quere que nos vexamos, asi que ducha rápida, carreiras, e a recompensa dos figos, talvez como apoio á terápia: o tema central, no que entramos case sen eu reparar, é o de sempre, e en minutos estou xa a repetir e reenfocar e recontextualizar o fin do meu matrimónio.
Viver en parella é extremamente difícil, concluímos; e figo vai, figo vén, concordamos en que apesar do verniz de independéncia, os da nosa xeración mantemos unha situación de permanente adolescéncia respeito dos pais. Aí está ela, que pasou todo Xullo coa família de Xa, e todo Agosto en Ithaca, con sua mai; ou Vapin, que vive cos pais todo o ano, salvo os meses das vacacións, en que vai para o seu própio apartamento; ou Ti, que vive parede con parede cos seus pais e non consegue que a porta medianeira permaneza un só dia fechada; ou Tenuqui, que ainda onte tivo bronca cos irmaos porque os pais irán pasar vários meses do Inverno con ela alá ou acolá.
Ou eu mesmo, que desde que me instalei en Ithaca vou cada dia xantar á casa dos meus vellos, non vexo o dia en que me poña a cociñar no meu tobo.
O remate dos figos puxo fin á análise; acabamos as augas e fomos á exposición de Murado, aqueles cadros das vellas fotos que atesouran os álbumes en todas as casas, co verniz do tempo encerrando para sempre os retratados: Un paseo familiar pola muralla, a foto da licenciatura, os pais, os amigos, a família no comedor... Asi seremos todos nós algun dia, murmura un dos dous, na enorme sala, vacia, de paredes brancas; non che caiba dúvida que asi será.

xoves, 25 de agosto de 2005

Choiva

Ou iso devera ser este orvallo que apenas molla coches e ruas, traendo lembranzas de cousas máis definidas e necesárias. De todos xeitos, ben chegada a auga que apagará os montes e limpará (espero) muitas cousas.
Polo si ou polo non, aproveito o amago atmosférico e enclaustro-me no tobo ainda desorganizado: non sairei esta noite, canso e resacoso despois das duas anteriores en que fixemos cambalear as reservas de cervexa e patacas fritas da Cova. Ademais, sinto-me alleo: contribui a nova casa, pero tamén ter estado lonxe de persoas, costumes e lugares en que me recoñezo, e que novamente, co final do Verao e a chegada do mes-luns, voltarán.
Propósitos para os vindeiros dias: oficiar de árbitro entre T. e sua prima Mer, evitando que me atravese algun dardo enveleñado; visitar a Maite en Brigántia (seguramente despois dos exames); facer a memória do de Limerick (serán duas patadas, ou mellor unha e meia); secuestrar a Vapin para que poña unha pouca de orde no trangallo informático do novo covil; e esquivar a festa na casa de Polis, habida conta a alérxia que me provocou a celebración do Dia do Emigrante nos últimos anos (para compensar-llo será mester convidá-lo á rabada e o tinto de costume na Casa Grande de costume).


Reformular o que hai con Zara ficará pendente, talvez, para a semana próxima. Mentres, cruzarei os dedos para que non telefone.

martes, 23 de agosto de 2005

Gula

Porfin todo en Íthaca: a cama, os livros, as pélis, a roupa, o dormitório da nena, os tarecos da cociña, as esperanzas todas, alguns problemas de instalación (unha lavadora que verque, as paredes dignas dun bunker), e várias caixas de cartón a atravancaren o paso no corredor.
Tamén eu, obviamente.
E un enorme desexo de botar raíces novas que abrollaba esta mañá en canto amañecin, e era tarde: da miña primeira noite aqui erguin-me canso pero enérxico, emprendedor; pendurei alguns cadros, aproveitando os cravos de antigos inquilinos, e tras o almorzo e a ducha deixei tres e retirei o resto tras comprovar que, ademais de estaren demasiado altos, seguian unha liña horizontal, perfeita e implacável.
Envio mensaxes de móbil co novo número a amigos e parentes; tamén a Zara, que inaugura ao pouco a liña para lamentar o fin das vacacións e propoñer-me unha tarde de cine na compaña do señor Wonka e do pequeno Zidane, que esta vez leva a camiseta de Beckham e un dente menos que a última vez que o vin no parque, dez dias atrás; mentres sua mai está no servizo compro-lle pipocas, sen saber que cometo un dos pecados capitais, e sen saber tampouco que acabarei sentindo saudades da miña filla ou o desacougo de quen traizoa, infantilmente.
Cando Zara volta, reñe-nos: a min e a aquel lambón do fillo que, se non segue a dieta que lle impuxo o pediatra, acabará convertido nunha montaña de carne, sebo e colesterol; asi mo explica, arrebolada, e logo durante a película, vendo como rifan os dous por un pouco de millo que ela non lle quere consentir, vendo o gordo neno Hans abafado polo chocolate Wonka, sinto mágoa do pobre Zidane lambeteiro, pero muitas ganas de comer un toblerone que non teño.

martes, 16 de agosto de 2005

Museo

Co tempo xusto de estirar as sabas, malfacendo a miña cama, e de varrer os pelos da bañeira tras a ducha, entran cinco descoñecidos pola casa atónita; en tres quendas, e dirixidos por axentes imobiliários que me converten en guia da miña própia intimidade: son unha parella de noivos, unha rapariga de vintetantos e un matrimónio maduro.
Kaplan ensina o seu museo.
Os visitantes maduros, ademais, interesan-se polos motivos da venda, razón para ter-lles que explicar que marcho trasladado, o que nos leva á miña profesión e á miña orixe extra-ateniense, e daí a que non hai nada como a terra de un e á gloriosa vida dos profesores, esa tropa.
Os noivos casarán pronto, en Outubro; vexo-os tan ilusionados que non desminto a história que tecen sobre a miña vida, e deixo-lles crer que sigo casado e que fomos felices e comemos perdices nesta casa en que xa ven criar os seus cativos loiros, eses que durmirán no cuarto da miña filla, e que talvez serán concibidos no cuarto en que ainda durmo eu.
Brrr.
Farto, escapo.
De camiño ao ciber refago as chaves inúteis sen dar resolvido o seu mistério: nen os duplicados que habia na casa conseguen abrir o portal, e este enigma deixa de interesar-me en canto me dá na cara a escasa brisa que zoa do Barbaña.

En Atenas

Levo en Atenas dia e meio, abafado pola calor e baixo a presión de levantar a casa nun par de dias. Mentres, vou-me desfacendo de papeis e cousas inúteis; é sorprendente a cantidade de cousas que un acumula en pouco tempo, pero ainda o é máis a natureza de muitas delas: folletos de exposicións que nen lembraba ter visitado, xornais atrasados que arrumei á espera de tempo para resolver os crucigramas, negativos, roupa que non poño desde o século pasado (literalmente), e demais flora e fauna.
A casa venta o perigo, diso estou seguro, e ofrece resisténcia: a chave do portal nega-se a abrir, e o Domingo, cando cheguei, houven de esperar case duas horas a que aparecese un viciño que me abrise.
E mentres, xestións e movementos de clausura, e esta mesma tarde, duas imobiliárias revisarán o que pronto estará á venda: sen teléfono, sen gas, sen electricidade, sen auga, e co coche á porta porque xa non teño garaxe, combato o desalento e esa leve tona de tristeza que aboia ao fin de cada etapa.
Ao serao xuntarei-me con Ambece; mañá, con Ilu. Xoves, os homes cargarán nun camión as miñas cousas e encherá o eco os cuartos desta casa en que ás veces fun feliz e ás veces menos; e en Ithaca outra casa espera, atónita, un novo inquilino.
Adiante, pois.

luns, 8 de agosto de 2005

Postal

Pasada a resaca colectiva da estadia en Limerick, comezan a chegar novas dos colegas esparexidos por Galiza: mensaxes de móbil sobretodo, pero tamén documentos por correo electrónico que conteñen nalguns casos até versións de memórias, instáncias e declaracións xuradas para desvergoñadamente plaxiarmos.
Na correspondéncia ordinária, esta mañá chega á casa dos meus pais un postal de Angustiada: unha vista da torre da Catedral de St. Mary e o cemitério que a rodea; como fondo de tan gótica estampa, un ceo encapotado e o metal gris do rio. No reverso, en letra picuda e recargada, manda a breve crónica do regreso con perda de duas maletas que non deu recuperado, e muitas saudades dos nosos paseos polo Alén.
Iso é o que di.