sábado, 24 de decembro de 2005

Feliz Nadal


Feliz nadal e paz para todos.
(mesmo para quen menos a merece por ser quen a bushca menos)

venres, 23 de decembro de 2005

Agoiros


Sucedeu esta mesma mañá, de camiño a Delfos para recoller a nena, e por segunda vez en poucos dias: despistado ou acróbata, un paxariño bate contra o cristal do coche; tras el deixa un resto de sangue e plumas antes de ser despedido, engulido pola névoa na mañá xeada.
Señores arúspices, será este un repetido aviso do destino?
Para vostedes, augures e sibilas, será que os deuses falaron novamente, que coas plumas desta segunda ave rescreven o meu fado?
Digan, pois.

mércores, 21 de decembro de 2005

Indícios

Non vou falar da rutina destes dias. Dos ires e chegares baixo a néboa destes dias á volta do feche do trimestre: pronto será Noiteboa, e un pobre animaliño, que non deu atopado caixa de relóxio en que acubillar-se, espera a sua hora, entre allos e erviñas, no frigorífico dos meus pais.
Un Papá Noel rosmón debulla as neuronas, sen carta orientativa e con poucos indícios sobre que xoguetes deixará baixo a árvore de Nadal para unha nena que acaba de enviar-me oito bicos telefónicos (iso foi o que ela dixo, exactamente oito).
Non vou falar tampouco de que os postais natalícios foxen do meu buzón como do lume, nen de que, separado dos informativos até hoxe por moreas de actas e exames sen corrixir, acabei tamén eu fuxindo en canto escuitei falar por rádio e televisión a patriotas de hojalata, bobos solemnes e canallas.
Iso si, antes de acabar o dia aprendo unha palavra, mui nova e mui vella ao mesmo tempo: camauro, e tamén que este ano non é que o vello dos regalos rapase a barba por ir de incógnito.
Ese é outro vello, tamén rosmón, que vive en Roma.
E que é papa, pero non papá.

sábado, 17 de decembro de 2005

Povo creador

Evidentemente, o falante é dono e creador da sua língua, e fai con ela o que quere.
Hai poucos meses, contava-me Vapin que alguén o puxera a pan parir, facendo unha sorprendente mestizaxe mui expresiva.
A semana pasada, unha aluna miña define a sífile como unha enfermidade penérea.
Onte mesmo, o meu cuñado, no seu castelán vallisoletano inzado de leísmos, conta que por veces hai que facer as cousas non a hurtadillas senón a octavillas.
E ámbolos tres ficaron tan anchos.

xoves, 15 de decembro de 2005

Abúlia

Inesperadamente, nun lamentável exercício de boicot e falta de colaboración, o ferro de pasar derrama todo o seu contido líquido sobre a camisa xacente, e entra en agonia. Vai-se con el unha tarde de traballo doméstico apenas iniciada, e un dos regalos do noso casamento.
As consecuéncias son as esperadas: deixo para mañá o que devia facer hoxe, e sucumbo ao inútil encanto de facer que fago para non facer nada finalmente: carguei a lavadora, pero poñerei-na mañá porque ainda non está chea.
Empecei a montar o belén coas figuras que comprei no finde coa nena, pero deixo-o porque a caixa de zapatos camuflada agora non me convence como sucedáneo de portal. Tampouco podo guisar: no fondo do tarro hai unha mísera puñada de lentellas que non abondaria nen para un petisco, canto máis para convidar a xantar a Polis mañá.
Iso si, existe a posibilidade de vestir-me, calzar-me e saír á rua a comprar as cousas necesárias, pero non: deixo-me ir tarde adiante como se un rio me levase cara ao mar da abúlia e a atonia.
Ao facer balance, o dia ofrece un saldo exíguo: apenas uns cantos exames corrixidos, unhas poucas páxinas lidas de 2666, a novela de Bolaño, e este mesmo post.
Tamén vários kilómetros en voltas pola casa.
E si: os cacharros de almorzo e cea ainda emiten sinais desde o limbo do vertedeiro.

martes, 13 de decembro de 2005

Descubro

Descubro con estupor (é unha forma de falar) que tan só restan doce días para o Nadal, e nove para un sorteo do que aínda nen sei que número xogo cos meus amigos.
Descubro que tampouco enviei as felicitacións, a estas alturas, así que corro a comprar un lote de postais, que escribo un pouco a repelo, como fago sempre.
Descubro entre elas un formoso anxo tocador de laúde e, aínda que non pensara facelo por non tender pontes, decídome con rapidez e entusiasmo; rememoro escritor, número e piso, e envío a un diminuto apartamento de Atenas unha sincera e fraternal felicitación.

Agora só espero que Melómano recoñeza o remitente.

luns, 12 de decembro de 2005

Proxectos


Sigo xantando na casa dos meus pais case cada dia.
A dicer de Vapin, que estivo aqui Domingo ao serao, iso non ten xa remédio: seguirei e seguirei indo para sempre, di-me desde a sua experiéncia, e sinto que ten razón, como sinto que ir cada dia condiciona o meu horário, e, naturalmente, a miña autonomia.
Pero mentres certas cousas non muden, a cadea non romperá.
Domingo, pois, á volta de Delfos: vou gardar o coche no garaxe, e Vapin diante do portal, que ten que entrar en internet para mirar o correo e buscar información sobre móbiles.
Bebemos cola con whisky no salón, os pés sobre a mesiña e na tele sen voz a canle de cociña, e facemos proxectos: consegue alistar-me para a cea do amigo invisível, e sorprende-me con que espera livrar Sábado Santo, abrindo asi para os dous un belo panorama nos máis fastidiosos dias do ano.
Tamén falamos de Tere Holmes, que estivo na casa a véspera, cargando con lápis e un xogo magnético para a miña filla: Mentres a nena, indiferente a todo, facia polígonos e dodecaedros, Tere Holmes expoñia a nova versión d'Os amigos de Peter que podemos reeditar este Verao. Vapin está encantado coa idea e imaxino que Ti, cando llo digamos, tamén se anotará.
Dado que os recentes zurzidos cardíacos no sete emocional de Vapin poden non estar cicatrizados por completo, non puxen condicións: se Estridente vai e a de Peter se converter na casa de Gran Hermano, se en lugar de preocupar-nos polo tempo e a maionesa das tapas nos temos que preocupar de que Estridente non rompa a cabeza por imitar á Jurado, daquela eu lembraria algunha cousa urxente e daria-me de baixa.
A deus poño por testimuña. Amén.

venres, 9 de decembro de 2005

Sóbolos rios

A data exacta é imprecisa, pero esta blog fai un ano estes dias; nego-me rotundamente a empregar palavras manidas nas efemérides, asi que aqui non houvo parto nen criatura, nen haverá cabodano ou celebración.

Robinson deixou a desolación da illa e, feliz como Ulises, vive xa entre os seus parentes.
O mundo deu a volta a Kaplan en 227 post, pero o coitado segue indescifrável: Sóbolos rios de Babilónia sentou, e pena con saudades de Sión; mentres, pasma a mirar non sei ben o que, cousas penduradas nas árvores.

martes, 6 de decembro de 2005

De profundis

A tose, telúrica, que teño desde hai un par de días remexe agora non sei que seixos embolsados no meu peito.
Na gorxa medráronme silveiras que, con espiñas feroces, rabuñan a larinxe cada vez que trago o fluxo de areas en que se transformou a miña saliva.
Un alvanel minúsculo e incansable fura a cada pouco dentro do meu cranio: sen piedade nen festivos, hoxe concentra minuciosamente maza e cincel no parietal esquerdo.
Por nariz teño unha billa pingante e mal fechada; choromico dos ollos e apenas podo ouvir, e esta voz que sobrecolle a quen está ao outro lado da liña non é a miña, con certeza, porque eu aínda estou vivo.
Mañá, se algo resta de min, voltarei ao médico.

luns, 5 de decembro de 2005

Ciúmes

E saíu.
Lucíu toda a noite con humor e esa apostura de quen está en casa própia. Todo se lembrava en binómios: recordos de Tadsio e eu nos tempos en que era meu aluno, as miñas clases, que foi dos seus e os meus compañeiros, o porqué do meu traslado; recordos de Tadsio e Polis no Marais e polo Soho; recordos de Polis e eu cando latábamos ao instituto para irmos aos billares, ou víñamos para aqui co pretexto de facer algun traballo e...
Creo que ti daquela inda non naceras, mira se non choveu. Isto foi Polis quen o dixo, e rimos todos, pero a primeira nuve escureceu o mantel imaculado e aquel sorriso lunar.
O segundo e definitivo eclipse viria despois, tomando unha copa; Polis e eu falávamos de calquera cousa; Tadsio, o sabuxo, rondava á nosa volta, ben cargado. Dá-me as chaves que te espero no coche, dixo para Polis, repetinamente: Pensei que tiñas ganas de estar comigo.
E marchou. E Polis atrás del.
E eu atrás de Polis, maldicendo a vida.

sábado, 3 de decembro de 2005

Tagine

Aquela cea con Polis e Tadsio-a-Lua, tantas veces anunciada e tantas outras adiada até mellores ventos, tivo lugar porfin onte á noite.
Ainda que a cociña marroquina non é o forte de Polis (o exceso de comiños arruinou o prato), e se esquecermos unha estraña escena de ciumes cando tomábamos unha copa nun local, de madrugada, todo correu fluidamente.
Pola tarde, cando pasei a deixar-lle o tagine, Polis andava á deriva pola cociña pelando cabaciños e cenoiras, pendente do año que dourava, e mui alterado. Era a primeira vez que el e Tadsio, a aquela hora en camiño desde Teucro, dormirian na casa en que Polis ainda non dera ben conxurado a presenza de sua mai.
Preocupado por muitas cousas (e non era a menor que o cheiro da pintura ainda fresca fose tóxico), levou-me a ver o seu novo cuarto, o dormitório principal, totalmente renovado.
Sorprendeu-me o estilo oriental, demasiado minimalista; provei o tatámi, o brando futón; fixen que non via a Polis espallar e desordenar os bambus decorativos tentando-os recolocar nun recanto; vin despois o vello cuarto adolescente, no sucesivo para invitados, en que tantos equilíbrios tíñamos feito para non caírmos da cama estreita. Nós daquela era diferente, miña mai podia pillar-nos e aí estaba a cousa, pero agora non sei que me dá facé-lo no mesmo cuarto en que morreu, por muito que cambiase os móveis e a pintura.
Cando pasadas as 10 me abre a porta, a cara de Polis reflicte unha mudanza no seu estado de ánimo; o dormitório fora estreado con éxito e Tadsio estava na ducha; Polis suliña cun sorriso a tenra obscenidade dos seus comentários e xestos mentres me serve unha copa de viño, e agardamos a que coza o couscous e A Lua saia esta noite.

venres, 2 de decembro de 2005

Canas


Aproveitando-nos do dia do espectador, vou con Ti ao cine.
Cando chego, xa ela me está a esperar no vestíbulo, xunto a un enorme cartaz de Harry Potter, como se ela mesma fose unha das profesoras de Hogwarts, a de História e Dialectoloxia da Adiviñación por exemplo.
Ao escuitar o meu saúdo, Ti volve-se e recebe-me cunha nuve de fume e un comentário que quixo ser construtivo pero foi demoledor: Vai con ollo cando te coces nalgun xersei de angora, que mira como ves.
Pero non. Os pelos brancos na barba non eran de nengun xersei; son todos meus.
E a película de Coixet, como era de esperar, resultou magnífica.

mércores, 30 de novembro de 2005

Frio

Non sei o motivo, pero duas horas antes do necesário acordo e, farto de dar voltas na cama e fóra dela, comparezo aqui para dar conta de como o meu espírito non está sereno, como infinitas neuras, como pequenos cristais, se enquistaron nel: a vida en Ithaca e algun fantasma doutras vidas noutros lugares, noutros tempos.
O resultado: a cabeza a funcionar como unha caldeira a plena presión, os ollos abertos no meio da noite, o relóxio a marcar pouco máis das 5, e un desacougo por todo o corpo que me fai tirar co livro aborrecido e saltar da cama. Fóra, tras os cristais, a rua está silenciosa e adormecida, ao revés ca min, que remexo na cociña e até valoro a posibilidade de poñer unha lavadora ou limpar o pó que amortalla os móveis.
Como antano.
Finalmente, fago un café e veño para o estúdio coa cunca, e acendo o portátil; mentres arranca, penso nalgunhas das cousas do dia, exames e clase de inglés incluída: cita co médico ao serao, a analítica; o sarillo da impresora desconectada: maldigo de Vapin e xuro que o traerei aqui, vivo ou morto, un dos festivos da semana que vén; mentres sinto como me arrefecen os pés e penso que o café está amargo e con pouco leite, lembro-o porfin, como se sucedese hai décadas, e asumo canto me afectou atopar a Zara na Avenida onte pola tarde.
O peor, provavelmente, a mao fria dela a tocar aquel instante a miña, os informes do remorso sobre o pé escordado de Zidane, a fria conversa á volta do frio destes dias.
Todo demasiado frio.

venres, 25 de novembro de 2005

Móbil

Recupero o vello móbil tras levá-lo a liberar, e unha sensación de enorme contento chega con el.
Certo que pesa máis e é máis grande, que non ten cámara de fotos nen de vídeo, nen conexión posível á Rede; que tampouco é politono nen falta que lle fai; que non me lava a roupa nen me indica a presión sanguínea ou as calorias que consumin durante o dia, e demais cousas desexáveis.
Que, en definitiva, só serve para falar e intercambiar mensaxes.


Sinto-o pola miña sobriña, que agora é dona do vello móbil con cámara e as outras mil insospeitadas, imprescindíveis inutilidades.
Porque, como esquecer aquela mirada sua cando comprendeu que o seu pobre tio estava a perder o xuízo?

xoves, 24 de novembro de 2005

Statu quo

Paso a tarde de onte no taller do meu cuñado, a rifar co ordenador, case para nada: perdo a clase de inglés e chego desalentado, morto de frio, triste; escuso facer que non vexo as nuves ao lonxe, porque a ansiedade ás veces é a maior das evidéncias.
E agora asi sucede.
Veño no coche dando dente con dente, e a calefacción no tope sen dar abasto, baixo a xeada que cai no serao limpísimo. Sei que atoparei a casa vacia cando chegue, por vez primeira en cinco dias, porque xa Polis dormirá na del despois de várias tardes de exposición ao novo statu quo.
Logo contava-me mentres ceávamos: sen demora, foi baleirando armários e gavetas, reunindo a roupa en bolsas para da-la, despegando dos cuartos a presenza física da sua mai morta, que canto antes deverá tomar proporcións, fonduras e relevos de lembranza.
Nunca máis voltará á casa; non é mester que esperen por ela o frasco de perfume, as meias, a dentadura postiza, a chaqueta verde de la, as gafas de ler, as pastillas rosas.
Non quero pensar no dia en que me corresponda a min facer isto.
E ese dia chegará. Si.

sábado, 19 de novembro de 2005

Tanatório

Inesperadamente, morreu onte a mai de Polis.

Dedicado este dias a lamber feridas própias, suspendo a terápia de recuperación sentimental á base de películas e séries con alto contido en glucose para acudir ao tanatório á tarde, en canto xantei.
Evitando mirar o cadáver tras o cristal, escuito a crónica dun Polis desolado e atónito: como marchou ao traballo pola mañá sen notar nada estraño, como primeiro non deu importáncia a que ela non collese o teléfono, e como cerca do meiodia, preocupado, volveu para a casa e atopou todo igual que cando marchou, e a porta do cuarto da sua mai estava fechada, e ao entrar porque ela non respondia, foi cando comprovou que estava morta.
O médico di que deveu morrer de noite, que se lle parou o corazón e non sentiu nada porque estava a dormir, di Polis mentres me acompaña a saudar outros parentes. Reparto saúdos e apreto maos e beixo unha muller gorda e vestida de loito que é tia de Polis, irmá da morta, que me di que medrei muito e que estou mui guapo.
Abafan-me as flores e o cheiro da naftalina que van soltando alguns traxes, a presenza de todos aqueles descoñecidos que me confunden xunto a Polis cun parente, e veñen dar-me pésames e apertas, e Polis ten que axudar-me a afastá-los.
Despede-me na porta do tanatório dicendo-me que non teño por que ir hoxe ao enterro; respondo que irei, que me diga se necesita algunha cousa.

Cando xa vou perto do coche, sinto que me chama: achega-se para preguntar se pode instalar-se por uns dias na miña casa porque non se atreve a ir á del, agora que está tan vacia.

venres, 18 de novembro de 2005

Adiante

Á terceira obteño resposta, e combinamos que nos atoparemos esa mesma fria tarde do Mércores no Parque, no banco e hora de costume, mentres Zidane aprende inglés, pero agora non é Verao: o Parque sen nenos recebe-nos xélido e hostil, e non doutro modo decorre a nosa conversa: de maos no profundo dos petos, de ollares para a frente mentres camiñamos un ao pé do outro, de siléncios que a grava que pisamos rói case dolorosamente.
Non é boa tarde esta en que unha muller xunto a min pregunta que caste de home son, ainda que non estou mui seguro de se se dirixe a min, de se son o home malvado de quen fala.
Para daquela teño o corazón endurecido, e os ouvidos fechados, e a boca seca, e tan só vexo un globiño de vafo saír da boca de dela, un globiño como o dos cómics, que baila no ar frio un intre antes de se disolver nel.
Seguin sentado naquel banco muito despois de que Zara se fose, cando o renxer dos pasos pola grava cesara e todo acougou de novo, e no ceo apareceu o luceiro.
Quixen pensar que aquilo me destruía, que volvia estar, outra vez, co corazón roto. Pero non o conseguin.
Sentin, por contra, que ía frio; que comezava a xear e viña a noite; que un dia destes a miña filla estará de santo e ainda non lle comprei o conto prometido; que a miña sobriña me pediu axuda para un exame; que a miña mai mañá fará filloas; que o mundo, en resumidas contas, segue adiante.
Cando me ergo para volver á casa, cando meto as maos nos petos do abrigo, descubro nun deles un dos caramelos que máis me gostan.
Vou-no abrindo mentres baixo os meus pés a xeada fai renxer a grava da verea.
Sigo, camiño adiante.

luns, 14 de novembro de 2005

Forrenta

Pode ser algunha das doenzas asociadas á idade, ou mera consecuéncia dos excesos destes dias, pero esta mañá, cando ía para o traballo nen vin o sinal de saída, e a pouco máis aparezo na beiramar; para completar o dia, vou esperar a Vapin á porta do traballo ao meiodia para tomarmos un viño, e este adia-se porque esquecin que o meu amigo marchou onte para Madrid.
Duvidando mesmo da sua existéncia e de que, de confirmar-se esta, Zara tivese comigo algun tipo de relación íntima, decido-me a reanimar o móbil para enviar-lle unha mensaxe solicitando a apertura de conversacións.
Xanto na casa dos meus pais, e cando chega a resposta pola mesma covarde via (Ok. Chama-me Mércores meiodia), estou tentando quecer ao sol enfermo na cafetaria do Parque, xunto a Polis, e resumo para el a cea rusa do Venres. Pouco tardo en descobrir que non ten nengun interese na sopa shchi ou nos ingredientes do abrigo de inverno para o arenque, nen tampouco nos costumes culinários dos kazaxos ou nos bríndis con vodka.
Desvergoñado e deslinguado, relata-me aventuras de fin de semana na lua e acaba-me revelando para que pode servir un móbil con vídeo, de xeito que desde esta tarde a palavra trípode ten para min unha nova acepción vinculada a Tádsio.
A el e ao seu pedazo de lua.

domingo, 13 de novembro de 2005

Domingo


Pola mañá marcha Nona deixando atrás (e levando consigo) horas e horas de conversa, miles e miles de palavras que só en parte deron acougado algo do meu desasosego destes dias.
O móbil, silencioso como un seixo, segue adormecido enriba da mesa desde o último parte de saúde, Venres, via sms: O neno xa pousa o pé e pode saír á rua.
Pero o que pior vou levando é o tempo.
O seu paso, digo.
Antonte, cando o médico me preguntou a idade para encher a ficha, dixen-lla exactamente e sen vacilar; sen embargo, sentin a frase tan inaudita na miña voz como se dixese devo estar ovulando, ou como se dixese desde que son sacerdote, ou algunha cousa asi.

E mentres isto escrevo, vexo desde a xanela a chúvia e o vento varrer da rua as follas secas e amarelas que o Outono reclama para si.

sábado, 12 de novembro de 2005

Dignidade

Tres anos despois, e a sospeita de que as cousas seguen como estaban en canto á prevención dos naufráxios con mercadorias perigosas nas nosas costas.

venres, 11 de novembro de 2005

Ventos


Non sei mui ben se traída polo vento do Leste ou polo vento do Norte, onde vive, pero mañá Nona chega a Ithaca e ameaza gastronomicamente con que as nosas cinturas rebasarán o seu limes, e o certo é que por unha boa conversa das nosas eu cederia até o meu direito de primoxenitura.

Non será necesário sen embargo que se afane nos lavores de costura; suturar un corazón a ponto de cruz é sempre un traballo ingrato, pero non é mester nesta ocasión, talvez por xa estar encalecido e cheo de cicatrices, ou porque ainda non percebeu toda canta desgana rezumava o móbil onte ao falar con Zara, ou porque na realidade o noso non foi máis do que un xogo falso e perigoso en que os dous acreditamos, ou non, pero que nen sequer foi necesário desfacer en alcol cando Polis ofreceu que nos emborrachásemos, pola noite, aqui mesmo.
Tampouco sei que vento o traeria a el, pero apareceu despois de cear, inesperadamente, e con el un relóxio de pulseira impresionista como presente de cumpreanos, unha lámina de Courbet que non poderei colgar en nengun lugar da casa, e unha alegria contaxiosa que funcionou como un bálsamo para este corazón cansado.
Esta noite, na nosa cea dos 11 ás 11 (que Ti travestiu inexplicavelmente en cea rusa), e á vista da situación fibrilar de Vapin, Estridente, Mirinda e Vladimir que Polis diagnostica, comprovarei se o que sucede é que zoan malos ventos para eles ou se se trata dunha epidémia.

mércores, 9 de novembro de 2005

Accidente

Mentres Europa se acatarra e Fráncia esbirra, mentres aqui a chúvia cesa e as temperaturas comezan a caír en sério, mentres a xente parece estar máis interesada polo nacemento dunha elefanta que pola morte de seis obreiros, mentres o amarelo da folla das árvores caída se instala no meu corazón, aquilo que con grande receo de Zara xa chamamos o noso, sofre na tarde de onte o maior contratempo.
Un pequeno accidente deportivo no pátio da escola leva a Zidane a urxéncias, mentres na miña cama Zara e eu, espidos, buscamos non sei que estrelas, froitos ou flores na almofada.
O móbil, apagado no fondo do bolso a petición miña, leva-nos ao caos un par de horas máis tarde: despois de se vestir para marchar, e en canto Zara o conecta, dá en cuspir a restra de chamadas perdidas, unha tras outra, que semean primeiro a alarma e despois o remorso.
Ridiculamente nu diante dela, vexo como Zara palidece improvisando explicacións e coartadas ao marido, como recolle o resto das suas cousas, como vai corredor adiante a falar polo móbil, como por último desaparece sen sequer mirar para atrás, sen mirar para min, que a sigo ainda sen vestir, perplexo e estúpido, até a porta do piso que deixou aberta.
E que fecho eu, como unha premonición.

martes, 8 de novembro de 2005

Furtivos


Desde hai dias vemo-nos ás horas máis estrañas e algunhas veces nos lugares máis absurdos, cando ninguén nos pode ver, ou pola contra, onde nos pode ver todo o mundo levando connosco os nosos fillos respectivos, para non levantarmos sospeitas.
Movemo-nos entre as mentiras cunha lixeireza espantosa.
Asi, esta mañá Zara substiturá unha compañeira no almacén, pero en realidade estará aqui comigo.
Cada serao, durante as clases de inglés de Zidane, espero diante da académia sen despegar o pé do pedal, e en canto o cativo desaparece no portal e Zara entra no coche, corremos velozmente para esta casa; nen aparco no garaxe: unha hora despois, acalorados, mal vestidos e tristes, faremos o camiño á inversa, e Zara recollerá a Zidane para levá-lo á casa.
A casualidade fai que cada dia batamos cos carriños no supermercado, que coincidamos na biblioteca, que eu pase polas Cortiñas de San Román á hora en que ela cruza con Zidane, que entremos a tomar algo ás mesmas horas e nos mesmos locais para sentir-nos obrigados a compartir mesa.


Sinto que isto é extenuante para os dous, e non sei canto seremos capaces de soportá-lo.
Tamén pesa no ánimo ese futuro envolto en nebulosas: as lágrimas asoman aos ollos de Zara un dia si e outro tamén, e nas nosas conversas hai palavras que nunca dan aparecido.
Desde a semana pasada estou no meio do camiño da nosa vida, e empezo a pensar se a nova via escollida non será novamente unha via sen saída.

mércores, 2 de novembro de 2005

Presentacións

Perfeitamente escollida para un escuro serao de Todos os Santos, vou con Vapin ver a nova película de Tim Burton. Muito máis tenra que o Pesadelo, coa que alguns a levan comparado, e máis dinámica e redonda que Charlie, que a muitos (non a min) defraudou.
E tamén unha magnífica oportunidade para as presentacións.
En canto pasamos ao vestíbulo do cine, gardando eu ainda na carteira o cámbio e o pedaciño da entrada, Vapin chama-me a atención sobre un neno de cazadora verde que exixe que lle compren millo no ambigu; sua mai traballa nunha cadea de roupa e seu pai non, pero hai quen lle atopa parecido cun actor americano.
Desexando que a terra me tragase, pasamos xunto a eles; o neno devorador de lambonadas é quen decide a sorte da escena ao dicer-lle a sua mai que me mire, e daquela ten que me saudar-me, e eu a ela, e o marido cámbia de mao o enorme vaso de papel encerado para tender-me a mao mentres Zara explica que me coñece deste Verao no Parque, que teño unha nena e que a levava aos colúmpios, e que dávamos xuntos a merenda aos nosos, e isto e aquilo mentres el me sacode a mao con pouco vigor, case brandamente penso agora, e tatexo calquer cousa con tal de terminar aquel papelón que a Vapin diverte tanto como a mellor comédia, dirá logo, sentados xa os dous na penumbra do salón.
Por fortuna, escolleran a outra película.
Cando saímos, tomando algo mentres fóra a noite se tornava máis e máis hostil, Vapin di que estou completamente tolo se creo que a história con Zara sairá ben; ainda máis: pregunta-me con que parte do corpo podo estar soñando que Zara algun dia...

martes, 1 de novembro de 2005

Mensaxe


Mentres almorzo, chega esta mañá unha mensa de Polis enviada onte desde Paris, onde quer pola latitude quer pola lonxitude, ou pola vantaxe que a altura da Torre representa, a lua é ben máis fácil de atinxir.
Mañá ou pasado quedarei con Polis, como sempre, e contará-me como resultou o aloxamento que lle recomendei, esta vez en camas separadas, e as visitas aos museus, os garitos e os bairros da cidade; mañá ou pasado tamén me dará o regalo de costume: só espero que nesta ocasión non sexa lenceria, como a outra vez.