
venres, 18 de novembro de 2005
Adiante

luns, 14 de novembro de 2005
Forrenta

domingo, 13 de novembro de 2005
Domingo

sábado, 12 de novembro de 2005
Dignidade
venres, 11 de novembro de 2005
Ventos

mércores, 9 de novembro de 2005
Accidente
Mentres Europa se acatarra e Fráncia esbirra, mentres aqui a chúvia cesa e as temperaturas comezan a caír en sério, mentres a xente parece estar máis interesada polo nacemento dunha elefanta que pola morte de seis obreiros, mentres o amarelo da folla das árvores caída se instala no meu corazón, aquilo que con grande receo de Zara xa chamamos o noso, sofre na tarde de onte o maior contratempo.Un pequeno accidente deportivo no pátio da escola leva a Zidane a urxéncias, mentres na miña cama Zara e eu, espidos, buscamos non sei que estrelas, froitos ou flores na almofada.
O móbil, apagado no fondo do bolso a petición miña, leva-nos ao caos un par de horas máis tarde: despois de se vestir para marchar, e en canto Zara o conecta, dá en cuspir a restra de chamadas perdidas, unha tras outra, que semean primeiro a alarma e despois o remorso.
Ridiculamente nu diante dela, vexo como Zara palidece improvisando explicacións e coartadas ao marido, como recolle o resto das suas cousas, como vai corredor adiante a falar polo móbil, como por último desaparece sen sequer mirar para atrás, sen mirar para min, que a sigo ainda sen vestir, perplexo e estúpido, até a porta do piso que deixou aberta.
E que fecho eu, como unha premonición.
martes, 8 de novembro de 2005
Furtivos

Desde hai dias vemo-nos ás horas máis estrañas e algunhas veces nos lugares máis absurdos, cando ninguén nos pode ver, ou pola contra, onde nos pode ver todo o mundo levando connosco os nosos fillos respectivos, para non levantarmos sospeitas.
Movemo-nos entre as mentiras cunha lixeireza espantosa.
Asi, esta mañá Zara substiturá unha compañeira no almacén, pero en realidade estará aqui comigo.
Cada serao, durante as clases de inglés de Zidane, espero diante da académia sen despegar o pé do pedal, e en canto o cativo desaparece no portal e Zara entra no coche, corremos velozmente para esta casa; nen aparco no garaxe: unha hora despois, acalorados, mal vestidos e tristes, faremos o camiño á inversa, e Zara recollerá a Zidane para levá-lo á casa.
A casualidade fai que cada dia batamos cos carriños no supermercado, que coincidamos na biblioteca, que eu pase polas Cortiñas de San Román á hora en que ela cruza con Zidane, que entremos a tomar algo ás mesmas horas e nos mesmos locais para sentir-nos obrigados a compartir mesa.
Sinto que isto é extenuante para os dous, e non sei canto seremos capaces de soportá-lo.
Tamén pesa no ánimo ese futuro envolto en nebulosas: as lágrimas asoman aos ollos de Zara un dia si e outro tamén, e nas nosas conversas hai palavras que nunca dan aparecido.
Desde a semana pasada estou no meio do camiño da nosa vida, e empezo a pensar se a nova via escollida non será novamente unha via sen saída.
mércores, 2 de novembro de 2005
Presentacións
Perfeitamente escollida para un escuro serao de Todos os Santos, vou con Vapin ver a nova película de Tim Burton. Muito máis tenra que o Pesadelo, coa que alguns a levan comparado, e máis dinámica e redonda que Charlie, que a muitos (non a min) defraudou.E tamén unha magnífica oportunidade para as presentacións.
En canto pasamos ao vestíbulo do cine, gardando eu ainda na carteira o cámbio e o pedaciño da entrada, Vapin chama-me a atención sobre un neno de cazadora verde que exixe que lle compren millo no ambigu; sua mai traballa nunha cadea de roupa e seu pai non, pero hai quen lle atopa parecido cun actor americano.
Desexando que a terra me tragase, pasamos xunto a eles; o neno devorador de lambonadas é quen decide a sorte da escena ao dicer-lle a sua mai que me mire, e daquela ten que me saudar-me, e eu a ela, e o marido cámbia de mao o enorme vaso de papel encerado para tender-me a mao mentres Zara explica que me coñece deste Verao no Parque, que teño unha nena e que a levava aos colúmpios, e que dávamos xuntos a merenda aos nosos, e isto e aquilo mentres el me sacode a mao con pouco vigor, case brandamente penso agora, e tatexo calquer cousa con tal de terminar aquel papelón que a Vapin diverte tanto como a mellor comédia, dirá logo, sentados xa os dous na penumbra do salón.
Por fortuna, escolleran a outra película.
Cando saímos, tomando algo mentres fóra a noite se tornava máis e máis hostil, Vapin di que estou completamente tolo se creo que a história con Zara sairá ben; ainda máis: pregunta-me con que parte do corpo podo estar soñando que Zara algun dia...
martes, 1 de novembro de 2005
Mensaxe

Mentres almorzo, chega esta mañá unha mensa de Polis enviada onte desde Paris, onde quer pola latitude quer pola lonxitude, ou pola vantaxe que a altura da Torre representa, a lua é ben máis fácil de atinxir.
Mañá ou pasado quedarei con Polis, como sempre, e contará-me como resultou o aloxamento que lle recomendei, esta vez en camas separadas, e as visitas aos museus, os garitos e os bairros da cidade; mañá ou pasado tamén me dará o regalo de costume: só espero que nesta ocasión non sexa lenceria, como a outra vez.
luns, 31 de outubro de 2005
Dilúvio e fin

A primeira noite de Zara aqui, a primeira que dormimos xuntos, resultou case fluvial: pegada a min cando dormia, a humidade entre os nosos corpos, os fluídos entre as nosas pernas e o sexo, parecian dar continuidade a unha noite acuática que acudia a desfacer-se en lufadas contra os cristais, curiosa, para nos espiar. Tardei horas en dormir, e antes ainda sentin que Zara murmurava en soños.
Acordou-nos a choiva sen que amencera, e á claridade ténue que entrava de fóra, das farolas insomnes estúpidamente paradas baixo o dilúvio universal, volvemos enlazar-nos.
Pola mañá desfrutei vendo a Zara pola casa, co meu roupón de raias volvendo da ducha, e mentres a via vestir-se onda min, mentres a sentia falar polo móbil co seu fillo por ver a que hora chegarian, unha pregunta: Merece a vida realmente viver-se sen alguén ao lado que algunha vez poña a tua roupa, durma na tua cama, coma do teu mesmo prato?
Non atopei resposta almorzando nen despois, cando xa Zara se tiña ido, e eu recollia no salón, na cociña, no dormitório, os restos daquel primeiro Sábado varados sobre a praia.
E de todo aquilo pasou tan só un dia e meio.
Okupa
Pois ben, descubro agora accidentalmente que alguén ocupou o vello enderezo en galego para escrever a sua bitácora, ainda que en inglés.
Alguén sabe que motivo pode levar a alguén a facer isto? Que escuras intencións o moven? Que desígnios obedece?
Razón aqui, please.
(Recompensará-se).
domingo, 30 de outubro de 2005
Dilúvio
Da tarde ventosa e do dilúvio, da luz parda que matiza os coches e os peóns baixo os paraugas, da desolación dun Sábado novamente outonizo, o que máis, chega Zara á miña casa; ven coberta cun chuvasqueiro azul e non trai paraugas, e ao tirar-lle as katiuskas noto os calcetins mollados, os pés frios que hai que reanimar.Como estava previsto, Zidane e seu pai, o marido-graduado, van na costa: visitan parentes e viúvas de vivos e mortos até o dia seguinte, Domingo, en que regresen.
Para nós non é mester muita demora: imos para a cama sen apenas preámbulos, con naturalidade, e logro por primeira vez espreitar nu aquel corpo que se dá e se deixa manipular, docilmente, estrañando o pudor.
Enlouquezo cando Zara se abre cos dedos; pasa a ver que hai dentro, parece dicer, anda, pasa a ver que hai...
mércores, 26 de outubro de 2005
Xente coma vós!
Non foi Stonewall nen foi Auschwitz, foi na Coruña hai 25 anos, e hoxe está na nosa memória. Porque o mundo non cámbia: hai que cambiá-lo!O 26 de outubro de 1980, hai hoxe 25 anos, tiña lugar na cafetaría Manhattan da Coruña a primeira concentración de protesta homosexual celebrada en Galiza. A tarde dese día dous gais sentaran a tomar algo nese céntrico establecemento coruñés e recibiron a resposta de que "a xente coma eles non se lles atendía". Como consecuencia, horas máis tarde formouse unha concentración de gais, lesbianas e persoas vinculadas a partidos e sindicatos de esquerda que despois de pediren consumicións saíron á rúa para concentrarse no exterior sen pagalas. Unhas 300 persoas, din os xornais da época. Para lembralo, a Federación Aturuxo de Colectivos LGBT organiza un acto de homenaxe este venres, no Forum Metropolitano, ás 20:30, no que participarán algúns dos pioneiros e pioneiras desa concentración. Os gais e lesbianas actuais quixeron que o acto de homenaxe se desenvolvese na propia cafetaría manhattan, en sinal de que os tempos mudaran, pero o propietario negouse rotundamente 25 anos despois.
[Para xeral coñecemento, collido e copipegado de Vieiros]
martes, 25 de outubro de 2005
Vapin, fotógrafo

Ostras
Recén traídas daló no Batmóbil, entra Pólis con elas e un amplo sorriso debuxado que tamén a min me fai sorrir e, por outro lado, me enche de receos.Temo que volva á carga con declaracións inoportunas, pero non, Pólis parece estar xa nunha onda diferente da semana pasada.
A ver, sorprende-me, digo; e el, abrindo armários na cociña á procura de copas para o viño que tamén trai, consegue sorprender-me: Tadsio-A-Lua reaparece esta temporada nos mellores cines.
Pólis vén de pasar o finde en Teucro con quen, aflito, agora lle xura compensacións afectivas e económicas, que son as que a Polis menos importan, porque agora por fin volve coller a lua coas maos, como antano, esa ilusión...
Intercalo moluscos e copas de viño mentres escuito o argumento dunha película que xa coñezo, e que a estas alturas presenta un final máis que predicível.
Ostras do mar de Vigo, se vistes meu amigo...
Oxalá eu me equivoque. E ai Deus, se verra cedo! que diria o fotógrafo.
mércores, 19 de outubro de 2005
Sábado

Esmola

Por segunda vez en catro dias visito onte a exposición de pintura andaluza. Esta vez acompaño a Aurora, que aparece na miña casa, espléndida, pouco antes do meiodia: revista a casa, como con preguiza, e non comenta nada até máis tarde, mentres xantamos mui pertiño da casa dos meus pais; daquela di que lle gustaba máis a casa de Atenas; aceito-lle a crítica e bromeo dicendo por centésima vez que a lástima é non lle dar posto unhas rodiñas á outra para transportá-la aqui.
Ri, e eu rio con ela, e aceito un cigarro cando mo oferece á espera de que o camareiro acuda co menu. Daquela comezamos a pasar lista de amigos e coñecidos desde a última vez que nos vimos, aló por Xaneiro, cando eu andaba case sen voz, esa mala puta, que non te venza a cabrona, di Aurora, e tras unha pausa chea de ondas de fume comeza a contar unha história tremenda.
Pregunta-me se lembro a sua avoa, a muller encantadora que a criou, e veñen-me á memória aquelas maos grandes e brancas de amasar todo o pan do mundo, as maos que cortavan as rebandas húmidas, ainda quentes, de pan de millo, as fatias de empanada, de torta, de biscoito... Claro que a lembro, pero custa-me acreditar o que Aurora me conta: primeiro foron despistes e esquecer as cousas, despois non lembrar o nome dos familiares, confundindo-os con outros parentes que morreran havia anos, por último, foi-na Aurora atopar pedindo esmola na porta da parróquia.
O pior de todo é que fun a última en inteirar-me! Ao parecer sabia-o case todo o mundo, pero ninguén se atreveu a dicer nada, todos a calar; contando-mo, Aurora alporiza-se ainda mentres esmaga a cabicha no cinceiro: pero outras mariconadas seguro que me viñan con elas, que che parece!
E agora? Agora teremos que buscar-lle unha residéncia.
xoves, 13 de outubro de 2005
Sesta

Por segunda tarde consecutiva engancho-me cos Soprano; tamén por segunda vez desfruto pero acabo adormecendo no sofá do salón; sen embargo, esta tarde acordo sobresaltado e cheo de malestar.
Morto de frio, marcho para a cama pero non durmo, tan só dou voltas na cabeza a várias cousas que non sei como encaixar: as confidéncias pericardíacas de Vápin onte ao serao, a desídia que me impide concluír de vez alguns asuntos no traballo, ou aquela tormentosa história dos rusos amigos de Mirinda e Vladimir que ainda non estalou.
Desde Sábado non teño notícias de Zara, e desde Martes tampouco as teño de Pólis. Por fortuna, onte volveron os vellos tempos, collidos das maos de Nican e Vápin, e eu a pouco me emborracho.
mércores, 12 de outubro de 2005
Voces

martes, 11 de outubro de 2005
Monicreques

venres, 7 de outubro de 2005
Palavras
Estabelecer os nexos entre as tres sería un bon exercício de estilo e unha espiral que uniria o meu corazón con outros máis.
martes, 4 de outubro de 2005
Argumentos

Á vista da falta de argumentos para non ir á terápia, e para estar seguro de que vou, pasa Pólis a recoller-me no batmóbil. Vou para a sesión con tanta desgana que, en canto entro no portal, sento no felpudo das escaleiras e espero xunto á publicidade que Pólis e o coche marchen de vez.
Ao pouco, e tras comprovar que non hai perigo, marcho rua adiante tragando o mal humor, e asi deu comezo a tarde eclipsante no persoal, como a mañá oferecera, casi obscenamente, o espectáculo do eclipse anular.
O primeiro, mentres me servian un café con leite no Cantón, foi enviar unha mensa a Pólis para que me desculpe diante da sua amiga psicóloga por deixá-la chantada na consulta ou o que sexa, e lle faga saber que non volverei: a estas alturas da história creo que hei de explicar que a amiga de Pólis acaba de abrir un gabinete, e que Pólis me concertou unha série de citas para que me solucione o que eu non vexo como un problema: a miña fóbia aos serviciais e encantadores animaliños e que povoan as nosas moradas.
De camiño, a psicóloga centra-se e fai carteira de clientes, Pólis queda con ela coma un rei e eu, o principal beneficiado, sentirei-me ademais feliz de ser escuitado, o que é, segundo Pólis, a miña neurose máis arraigada.
E todo grátis, para Pólis o máis sólido dos argumentos.
Vaia, un dia levas-lle uns bombóns ou algo e listo, cumpriches, e a outra...
En canto sai a mensaxe desligo o móbil, tomo o café folleando a prensa local, e, cando marcho, vou parvo, case zómbi, por Ithaca.
Praza do Santo abaixo, e entro na tenda: rebusco cos ollos por todas as plantas até que a vexo e ela me ve e ven a atender-me. Logo sucede como os argumentos das novelas e as películas supoñen: Buscaba algunha cousa? di ela a sorrir, e eu, contendo o sorriso, eu digo Queria facer un regalo.
Ao fin, saio da tenda co corazón feito un tambor e, dentro dunha bolsa de papel, un pixama de flanela, pequeno e cor de rosa.
Para unha nena.
luns, 3 de outubro de 2005
domingo, 2 de outubro de 2005
Norte
Paso parte do fin de semana xunto ao mar, na casa de Nona, arranxando o divino e o humano. Na praia celebramos as acrobácias da Lula, en combate con dous cans amigos; facemos excursión ao Cabo: tentamos ver a doce Eirin apesar da brétema, pero ao fin asoman Roma e Nova York, Exipto, a costa de Creta, e sempre Ithaca, Ithaca e os seus moradores, os do akelarre, que Nona coñece através do lente desta bló, e dos que falamos como quen clasifica espécies nun bestiário.

