domingo, 19 de novembro de 2006

O inverno sobre Ithaca

Un pouco ao xeito da Rayuela de Cortázar, esta blog é sobretodo tres blogues: a primeira nasceu hai tres anos, como cariñosamente lembra X, e en tempos duros. Desorientado e atónito, naquela primeira bitácora procurei o fio para saír do labirinto, pero foi fragmentária e tatexante; máis de un ano despois abrin en Blogger outra co mesmo título, O inverno sobre Ithaca, e a ela incorporei os vellos post tatexantes e fragmentários da sua pre-história.
Os meses mudaron-lle o nome, pero 398 posts, tres migracións, duas casas e dous ordenadores máis tarde, a intención segue a ser a mesma: é o espello en que me miro e me recoñezo, o manual de instrucións para manexar-me, o retrato dos que me importan, o inventário das miñas neuras, erros e alegrias, o livro de visitas de amigos que non coñezo pero que manteñen a esta crónica unha fidelidade comovedora, o recanto en que uns poucos gostan de axexar non sei ben por que a banalidade dunha vida bastante mediocre.

martes, 14 de novembro de 2006

Aceito

Vemo-nos en Roma.
Aceito sen condicións, pero sen as ter todas comigo. E agora Polis tampouco: rosma do outro lado do móbil cando o chamo á saída de inglés, mentres me van rodeando a névoa e o frio.
De regreso na casa, escrevo na primeira folla do caderno o seu nome e o meu.

luns, 13 de novembro de 2006

Presente

O presente de Polis non foi unha Bíblia, como pode parecer pola ilustración da esquerda, senón un caderno de notas con follas raiadas e firmemente cosidas a unhas tapas de hule: o meu primeiro Moleskine, da estirpe daqueles fecundos cadernos que serviron a Picasso, a Chatwin ou a Hemingway.
Mentres Polis persegue cos pauíños as talladas de porco no seu prato e me mira aos poucos, abro a goma e descubro que ademais de follas en branco hai mapas e planos despregáveis, porque é un caderno de viaxe do que cai, sobre os papeis do embrullo que teño no colo, un billete de avión para primeiros de Decembro: É para ti enchere-lo coa crónica da viaxe dos dous.
Fico tan desconcertado que cámbio de opinión várias veces e ao final discutimos porque insisto en pagar a miña parte; os líchis quedan na tarrina de alumínio e Polis vai para a cociña cos pratos, e eu sigo-o e sento e meto a Colacao e a Tadsio no asunto, e Polis enfada-se porque non hai auga quente, e eu saio a acender o quentador e cando volto seguimos a dar-lle mecha, e ao pouco os dous ficamos calados, como se o ruído da louza que frega Polis nos interesase muito.
E o siléncio non se rompeu despois, excepto co fechar da porta cando el marchou, e asi estamos hoxe: os líchis esmorecendo na neveira, o billete sobre a mesa da sala e o teléfono inerte nas duas direccións.

domingo, 12 de novembro de 2006

Automedicación

Adverténcia: automedicar-se pode traer graves complicacións. Non se automedique!

Dito isto, engadirei que, como un non pode enfermar en Domingo ou terá que ir ás urxéncias, levo todo o dia sendo automedicado polo meu amigo Polis, que non é médico nen fruteiro senón avogado.
Levava sen ve-lo desde que eu tiña ainda 40 anos, pero ao saber hoxe os meus quebrantos apareceu cuns supositórios que a el lle foron excelentes, unha crema, un blister de nolotis e unha pequena manta eléctrica. Non houvo resisténcia que valese: puxen o supositório, mentolei a zona, e a calor, a butaca e un par de cápsulas fixeron o resto.
Como era mellor non saír, Polis encargou-se do xantar, ou máis precisamente de que no-lo trouxesen dun chinés, e entre o pan de gambas, o chop-suey, o arroz tres delícias e o resto, entregou-me o seu regalo.
O último que recibirei, e o que máis me vai dar que pensar.

Lumbálxia

Unha amiga miña afirma que, pasados os 40, se unha mañá ao te ergueres non che doe nada, daquela é que estás morto.
Como quen o di é unha enfermeira, supoño que debo agradecer ao Altísimo que hoxe amencín cunha lumbalxia que me cinxe os cadrís con arame de espiñas.
Pola xanela vexo que a néboa cobre a cidade, sinto por primeira vez as maos frías, e, dolorosamente, recoñezo que esta Primavera interminable está chegando ao seu final.
Brrrrrr.

venres, 10 de novembro de 2006

Xantar

Celebro con Ti os meus 41 cunha enchedola proletária e case repentina: de antonte para onte propoño-lle invitá-la a xantar onde ela queira, de onte para hoxe propón ela que vaiamos a unha casa de comidas da Rua Nova que pervive reciclada pero sen perder carácter: vellas fotos sépia lle adornan as paredes de cando as casas furavan ainda a muralla de Ithaca á procura de acubillo, de cando as mulleres ían por auga á fonte das Cortiñas de San Romao con sellas na cabeza, de cando na festa do santo padroeiro se feirava con mansas rúbias que pacian na erva do que hoxe son xardins. Para lembrar-nos ainda quen somos e donde vimos, presiden o comedor a imaxe da fonda en 1956 e vários retratos de gañadores pecuários.
O menu é case a tiro fixo: deliciosa empanada de polvo para comezarmos, e para seguir, os callos que dan sona á casa, ou de como viandas tan humildes axudan a apreixar a glória. Para completá-la, un barrantes escuro como sangue de touro recén matado, asi é como Ti conta que diria seu pai se vise aquel viño mesto que nos tinta as tazas en que o bebemos: Teñan-me conta do viño, que ben saben o que mancha, e a muller pousa a branca xerra de louza sobre un prato no centro da mesa.
Connosco xantan, xantavan ou xantaron obreiros, vellos matrimónios, turistas, bancários, estudantes... pero faltavan sen embargo, hoxe que é Venres e mercado, moinantes, pegureiros e revendedeiras.

xoves, 9 de novembro de 2006

Bush

O rostro deste inepto é tamén o rostro da morte
Congratulations, Mr. President!

mércores, 8 de novembro de 2006

Morralla

Hai dous ou tres meses que vive no piso do lado un home delgado, cargado de ouro e vestido con roupa impecável de marca, con quen coincido algunha vez no portal ou no ascensor e con quen intercámbio frases banais mentres intento sobreviver á nuve aromática que desprende o home máis perfumado a esta beira da realidade.
Na nosa planta, no piso D, vive cun pequinés o clon de José Blanco: unha muller madura idéntica a el como un ovo se parece a outro ovo. Hoxe coincidin con ela no portal e, cando pensei que me ía falar dun tripartito deu en interrogar-me sobre Patrick Süskind, o do perfume, ao tempo que o can me repasa as botas. Queria saber se tamén sinto a música a desoras, se escuito discusións ou berros, se vexo xente estraña a saír e entrar, se me fixei en todas esas colombianas que ten aí metidas, finalmente se asinarei un escrito da comunidade para que esa morralla de negros se largue daqui.
Chegamos á nosa planta cando lle digo á Pepeblanco que é a primeira notícia que teño de todo o que me di, que non ouvin música a desoras nen ruídos nen discusións nen vin xente estraña a saír e entrar nen muito menos colombianas ou mulleres de calquer nacionalidade, e que portanto non asinarei nengun papel.
Ao volver-me, ainda lle escuito dicer ti verás, e a seguir o bater seco da porta a fechar-se.
O máis sorprendente é que, por primeira vez, precisamente agora me atuase.

martes, 7 de novembro de 2006

luns, 6 de novembro de 2006

Folga

Porque é de xustiza exixir que se cumpra a Lei!

domingo, 5 de novembro de 2006

Final

Hai que asumi-lo: teño por diante unha longa travesia. Cómpre gardar axiña os 41 na mochila, dar sebo ás botas, recobrir a pel dunha couraza flexível e resistente, converter o tobo en bunker, desbotar propósitos de emenda e perdón dos pecados, romper fios e cadeas (tamén as finas membranas invisíveis), airear os cuartos e acender as luces.
Cómpre quebrar os soños e atender ás realidades certas, evidentes, polas que o mundo existe e vale a pena viver. Cómpre, pois, abandonar os lastros, deixar de andar en círculos e mirar desde agora para adiante.

mércores, 1 de novembro de 2006

Cincuentenários

En 1956, e nun intervalo de poucas semanas, floreceu e foi duramente reprimida en Hungria unha revolución antisoviética; morreu Baroja, e J.R.Jiménez, no exílio, obtivo o Nobel; Israel invadiu o Sinaí mentres Nasser nacionalizava Suez, e franceses e ingleses bombardeavan Exipto; Castro e o Che preparavan-se para desembarcar en Cuba; a televisión iniciava en España as primeiras emisións; Eisenhower vencia por segunda vez nas presidenciais, e as miñas amigas Ti e Maite, que seguen sen coñecer-se, nacian o mesmo dia pero separadas por 303 km.
Ademais, tal dia coma hoxe de hai cincuenta anos, meus pais falaron-se por primeira vez: que se dixeron importa pouco, pero sen o maldito tacón preso nunha regandixa do chao da catedral, provavelmente Kaplan nunca teria nascido en Ithaca.
E, naturalmente, vostede tampouco estaria a ler agora esta blog.

luns, 30 de outubro de 2006

Tere Holmes

Da conversa telefónica con Tere Holmes, en que me contava o seu novo destino, a sua nova andaina, resta unicamente un labirinto de subúrbios e cidades-dormitório e ruas que nasceron dun nada primixénio en poucos meses e ainda non teñen nome.
Sinto vértigo cando me conta que para dar chegado ao instituto, Tere Holmes houvo de comprar un novo plano da selva urbana porque o anterior quedara xa obsoleto, pero decepciona-me a descrición que fai do Parque do Aforcado, e que non lle dea clase a Manolito .
Hoxe soñei que Tere Holmes, toucada cun sombreiro verde, viaxava nun globo colorado, e falando devagariño como fala ela, dicia-me en pleno voo que agora non hai atascos na M-30.
Tamén traía para min a caixa de ginger cookies que lle encarguei.

domingo, 29 de outubro de 2006

Ite, missa est

Por segunda vez este ano vou á misa, e por idéntico motivo que a primeira: honrar a memória do pai de Vapin.
Por segunda vez, tamén, aborrezo completamente e mesmo estimo o exercício físico inerente ao culto (erguer-se, sentar, erguer de novo, axoellar-se, sentar outra vez) como o único modo de non caír adormecido sobre o ombro do señor de bigotiño ao meu lado.
Tentei seguir o discurso do cura, pero renunciei ao pouco: non entendia nada de todo aquel asunto inzado de metáforas, oxímoros e demais follateira sobre ovellas e sementes, e á metade da misa, cando xa tiña revisados os asistentes, a arquitectura do templo, as imaxes do altar, e evocada a figura do finado, o único que chamou a miña atención foi un furado que descobrin no peto do pantalón polo que agora, seguro, me escaparán as chaves con tanto meter e sacar o dedo, asi deus me perdoe.
Se volvese a misa en latin, como pretenden a divinis, os fieis non comprenderian menos que agora, pero o rito gañaria en estética ao se facer escuro, distante e profundamente misterioso.
Cando ao fin chegou o pouco hixiénico momento de dar a paz, tendin a esquerda porque a direita, co dedo no furado do pantalón, non souben se era capaz de sacá-la.

sábado, 28 de outubro de 2006

Dias

Cando faltan poucos dias para os 41, o primeiro postal fai estragos baixo a liña de frotación: a casa Guinness-Murphys's felicita-me, pregunta-me que ten de malo cumprir anos, e suxere-me que é a ocasión perfeita para aumentar-lles os benefícios.
O que non sei é como obtiveron os dados, ainda que teño as miñas sospeitas.

Estraños dias estes, dourados por fóra e grises por dentro, como a própia melancolia.

xoves, 26 de outubro de 2006

Catering

Ouvia-se aos berros desde a escaleira, desde o ascensor, un nome como de vodka: no salón de Polis, tres mancebos tremolavan bufandas, gorros e camisetas do Deportivo diante do televisor; rebordantes de entusiasmo e adrenalina, acabavan coas reservas de patacas fritas e millo tostado, bebian cervexa, coreavan ao unísono depor depor como se non houvese máis mundo que aquel campo verde debuxado con liñas brancas.
Un dos que non coñezo fai-me sítio no sofá, que eu rexeito cun aceno; Colacao e o outro, con cadansua lata na mao, é como se non me visen. Parado no meio do salón, co impermeável pingando, penso por un momento se estes tres non matarian a Polis para veren o partido, se o pobre non estará a desangrar-se lentamente sobre o futón verde, no tatámi do dormitório xaponés mentres eles pronúncian un nome que soa a comida italiana e bradan un gol que non puido ser.
Atopo a Polis na cociña en pleno catering, a bater ovos coas patacas ao lume; cando lle pregunto se aquela é unha metáfora e me responde agora non mos veñas tocar ti tamén sei que é mellor deixá-lo que desabafe contra o bol en que bate, contra a cebola que rilla con ira na táboa, contra as patacas que remexe, que rosme a cada brado que chega do salón, seguro de que agradece ter-me ali ainda que, no fondo, daria algo porque non vise aquela manda do salón.
Acendo un cigarro e paso-llo; acendo outro para min e os dous miramos facer-se a tortilla como quen mira dentro dun pozo; antes que eu diga nada, xa Polis o di: que si, que non che gusta babosa, que xa o sei, e dicendo-o, sorri, e eu con el.
Cando o partido acabou, os tres siareiros entraron na cociña como tres xabarins ou tres poldros ou tres lobatos ceibos, e a noite chamava por eles agora que non chovia: alá marcharon os tres a celebrar o triunfo, e Polis e eu sentamos na cociña, par a par, coa tortilla por diante.

mércores, 18 de outubro de 2006

Liberación

Esta mesma tarde, aproximadamente ás 18'30, liberei o livro de Mendicutti, perfectamente envolto nunha bolsa de plástico transparente.
O lugar da liberación, o adarve da muralla de Ithaca, en concreto unha das xanelas da Mosqueira. É certo que chovia muito (asi me puxen, que non levava paraugas), pero o livro ía ben protexido na sua funda.
Por outro lado, confeso (ainda que non sexa un procedemento mui ortodoxo) que quedei axexando na distáncia, e puiden ver que unha parella se achegava e collia o livro. Daquela dei volta e marchei; non sei, portanto, se levaron o livro ou non.
Pero xa non é asunto meu.

martes, 17 de outubro de 2006

Pasado

Onte, ao dar-lle a ficha, a miña profesora de inglés di-me que non era preciso que lle entregase foto, que me coñece hai vinte anos, que fomos compañeiros nas aulas de tal profesor e tal outro, que me lembra perfectamente pero eu, encaixando a sorpresa, vacilo para dicer-lle como un parvo que por algo me soava a sua cara, que agora caio apesar dos anos transcorridos, que con todo o cambiada que está ainda me acordo dela e bla bla.
Pero non: levo horas tratando de situá-la nas aulas, vestíbulos, escaleiras, corredores, cafetarias e bibliotecas do meu pasado sen o dar conseguido; en momentos como este teño a sensación de estar dentro dalgun episódio de Caso aberto, fóra os crimes, e sen que a linda despeiteada que fai tolear a Haddock me veña interrogar.

Grazas sexan dadas ao altísimo, que inda non teño sido mui fillo de puta, e poucas me terán gardadas.

sábado, 14 de outubro de 2006

Irak

...pero tamén coches-mentira!

mércores, 11 de outubro de 2006

Retsina

Con muito retraso por problemas de axenda de un ou outro, afinal onte á noite demos conta do botin que Polis trouxera do seu periplo mediterráneo, e que coa globalización ben puido comprar aqui sen ter que vir cargando por vários aeroportos coas botellas de nefasto retsina, os botellóns de ouzo e as latas de dolmadákia e brando feta, que acompañaron a mousaka precociñada e a música dos bouzukis.
Pronto fomos tres: o neno do colacao provou o retsina e dixo que lle sabia a esperma (non foi esta exactamente a sua expresión), asi que pasou rapidamente ao ouzo con xelo e rapidamente se puxo en órbita mentres as fotos de Polis nas illas esvaravan pola pantalla do portátil.
Non sei se foi o alcol, o esmagador dos sirtákis, a teima por fuxir do visionado, ou a mesma urxéncia de Colacao que (souben-o despois) tiña que fichar na casa, o caso é que Polis e el esqueceron pudores e viandas e entraron en acción ali mesmo, xunto á mousaka triste e o retsina seminal e o ouzo lácteo sobre a mesa de wengue.
Tampouco sei se no fondo o desexava ou foi por non ficar a beber só no salón do trono que fun tras deles para o dormitório xaponés.
Horas despois, mentres explicava a sonorización das xordas intervocálicas no romance, sentia ainda na boca un leve sabor a esperma.
Perdón, a retsina.

martes, 10 de outubro de 2006

Pena capital

No dia mundial contra a pena de morte: pola dignidade, contra a vinganza e a hipocresia dos Estados

sábado, 7 de outubro de 2006

Ken

Quedo para tomar algo o dia do Padroeiro e atopo que todo o mundo está baixo mínimos, asi que ninguén sai como non sexan Ti e Lura, que trai consigo novo acompañante, outro máis sacado das profundidades dun chat, e xa perdin a conta.
Pero se ela é sempre unha Barbie, rachando praza abaixo sobre os tacóns altísimos, enfundada nos leggies e botando atrás o longo pelo negro unha vez e outra vez, nunca como hoxe o acompañante se pareceu tanto a Ken: acaba de facer implantes capilares e mostra unha fronte de boneco da que é difícil apartar os ollos cando Lura mo presenta.
Entre cañas e polvo, acabamos falando de lavores domésticos e rendemos homenaxe a ese maravilloso invento chamado Driron; e conta Ken: Cando me divorciei levei comigo 4 camisas; agora teño máis de 30. Por non pasar o ferro, compro.

xoves, 5 de outubro de 2006

Decesos

Miña mai diría que é pola caída da folla, pero desde hai dias a lista de blogues mortas, presunta ou confirmadamente, non deixa de aumentar.
Á lamentada e sorprendente clausura do Pitiño súmase hoxe o lacónico epitáfio Bitácora dada de baixa escrito na pantalla, branca coma unha lápida, d' A tensa calma da catapulta.
Mentres, From lost to the river, Laranxa, Velis Nolis e O mundo do Cláudio permanecen nun limbo indefinido e inalterabe hai semanas ou meses cuxa quietude recorda a morte demasiado.

E eu, que o pensei ás veces, anuncio que por agora non vou fechar o local.

mércores, 4 de outubro de 2006

Boicot

Atopo na Selva de Esmelle un dos socorridos cuestionarios que enchen os blogs en épocas de vacas fracas, e para evitar o boicot de X, á vista dos retrasos nas últimas actualizacións, enumero aquí e agora (coma un neno boíño) os meus cinco boicots, a saber:
1. Adoito cambiar de canle cando aparecen na tele eses estúpidos anuncios de produtos narcotizantes, desodorantes á testosterona e limpadores procedentes ou non do futuro.
2. Non admito que me atendan nun comercio mentres o dependente segue a falar polo móbil. Por este motivo non volverei entrar no estanco de San Domingos en Ithaca; lástima ter deixado de fumar e de escribir cartas.
3. Nunca escriibín neste blog os nomes de certos seres vivos, entre eles os dos anteriores Presidentes da Xunta e do Goberno Central. Creo que iso, máis do que un boicot, pode considerarse decencia, hixiene e até patriotismo; o que vós decidades estará ben.
4. Non acepto drogas: non confío nen admito quen as usa, quen as desculpa, quen as reparte, quen as comparte, quen se enriquece con elas. Definitivamente, esa raia marca o boicot.
5. Aquel xornal e aquela emisora de radio: se ben a Tere Holmes a poñen a andar os seus tertulianos cada mañá, a min co ácido bórico córtaseme o leite do almorzo, as torradas quéimanse, agríase o zume no vaso, e o estómago non o soporta.

luns, 2 de outubro de 2006

Bookcrossing

Da solta masiva de livros para o bookcrossing de onte, e despois de rifar cun velliño intolerante que parecia clonado da xeración Nós, volvo para a casa coa miña filla, cun livro de Mendicutti, co livro que colleu ela, e tamén cun problema: a miña filla non está disposta a liberar nengun livro, por muito que o teña lido.
Algo haverá que facer, claro; talvez funcione a hipnose.
De todos xeitos, considero que unha liberación masiva como a deste finde vai contra o mesmo espírito do bookcrossing e as razóns ocultas, soterradas, secretas do que solta un livro á espera, non de estender a leitura, senón de que faga mundo, e de mao en mao, de leitor en leitor, dea cun acubillo definitivo ou acabe retornando acaso á mao primixénia.
Sen pedagoxia, por aventura.
Como este mesmo blog.