venres, 18 de febreiro de 2005

Ecos

En Ithaca, tras duas horas de autobus.
A miña mai pasa revista aos acontecementos dos ultimos 15 dias, programas de televisión e mortos incluídos, mentres comemos dun prato de filloas brancas que ela fixo. Como é habitual, unha vez comprova que estou ben, que a miña voz mellorou, que non virei máis fraco, esforza-se un pouco por demostrar interese polo que lle conto, pero non é quen de seguir-me.
Niso a miña mai parece-se un pouco á miña filla.


Intercámbio de mensas con Vapin.
Pregunto-lle se irá ao serao á Cova; responde-me case ao momento que o sente, que non volve saír até a semana próxima, que esta semana se pasou muito, e que non contaba con que eu fose vir hoxe.
Estou tan sorprendido que non sei que dicer.

xoves, 17 de febreiro de 2005

Dúvidas e tesouros

Quen ten un amigo ten un tesouro, por certo, ainda que chegue con retraso.
Cando, despois de semanas de dúvidas agónicas e esquizofrénia partidária,teño porfin decidido que votarei no referéndum do Domingo, chega unha mensa de Vapin na sua língua materna, que non traduzo por non alterar a rima:"¡El 20 de Febrero, NO a Zapatero! Pásalo".
Por se non estivese seguro, Vapin resolveu canto en min houber de incerteza; incluso o que se plebiscita. E eu que pensaba que era un proxecto de Constitución para esta vella e bronca Europa...
Detesto cando Vapin se pon joseantoniano, pero hai que valorar tamén en canto vale a pulcritude de non invadir a xornada de reflexión; a xente de orde non anda abouxando nen ladrando o seu rancor polas esquinas, como fixemos outros.
O tempora, o mores!

A mensa aclaratória chegou mentres estaba a ver un pequeno tesouro; como pagamento ao lote de DVDs que lle deixei para piratear, P., o home de Ilu, manda-me cópia da película de películas de Madronita Andreu, que habia tempo eu procuraba.
Confeso que fiquei absorto, encantado diante das imaxes, como quen axexa por unha porta entreaberta ou espia os viciños através dunha xanela indiscreta, con mortos pero sen crimes.
Sen dúvida, sigo a ser un voyeur.

martes, 15 de febreiro de 2005

The rain in Spain...

A sesión de logopedia de hoxe debeu nunha tertulia de café, pero sen café.
Primeiro improvisamos unha versión ao revés de My fair lady, en que obviamente eu facía de Eliza Doolittle: a logopeda Higgins, tras obrigarme a xemer, miar, carpir, alasar e entoar maa, mee, mii, caaasa, caaama, etc. diante dunha vela acesa, e cando xa eu esperaba que me enchese a boca de pedriñas, pediume que enumerase unha por unha as vilas da provincia que máis me gustaban.
Como lembraba poucas, confesei que aínda que estiven destinado en varias vilas preferia vivir na cidade, e que ese foi un dos motivos do meu divorcio.
Aí ela dixo que se notaba muito que eu era un urbanícola, riu un pouco tontamente, e foi o pretexto para falarmos de nós mesmos, dos nosos estados civís, dos nosos divorcios, das nosas biografías máis recentes.
Saín do despacho lembrando o tempo das pasantías, cando conseguía perder a clase sacando unha conversación afortunada, e, ao ver a mañá espléndida, dei por suposto que apesar do que dixeron os homes do tempo, estes días en España só vai chover na meseta.

luns, 14 de febreiro de 2005

Estrañeza

Marchou o fin de semana, e con el a miña filla. Pouco más de 24 horas, que empezaron co pouso triste da miña estrañeza que ainda dura, como un temor.
Receo ás veces que o regreso a Ithaca non sexa unha solución e só complique máis as cousas. Temo o temor infantil da nena sobre a casa e as cousas, sinto pena do tempo que pasa, o tempo perdido, e é como se as paredes, perplexas, me interrogasen polas carreiras dos pequenos pés dun cuarto a outro. Digo-me que esta será talvez a última que veña a nena aqui, a esta casa nunha Atenas que non lembra xa, ou da que inventa lembranzas como un antídoto para a pena de seu pai.
Marchou e o seu cuarto volveu quedar vacio, silencioso, cos bonecos desmaiados sobre a cama e un puzzle sen terminar sobre a pequena mesa.
A casa, incrédula, esmorece sen respostas.
Entra a luz desaproveitada polos balcóns, e os xacintos que onte mirábamos, case floridos, esparexen o seu recendo agudo nos cuartos.

venres, 11 de febreiro de 2005

Indecisión

Seguro que como muitos, pero desde hai semanas debato-me nunha indecisión estomagante, inaudita, sobre que hei de votar no referéndum do dia 20.
Tampouco estou mui convencido perante os acontecementos de mañá: que veña a miña filla é magnífico; que a traia a sua mai, razoável; que vaiamos pasar boa parte da tarde os tres xuntos, cada vez máis mala idea.
Un runrun roe-me interiormente desde onte, que non acougan nen o desexo de estar coa nena nen os lavores domésticos.
(Robinson acondiciona a sua illa).
Non é unha premonición de desastre, tan só a evidéncia dun deserto terrivelmente ermo entre os dous que pretendemos ao parecer ignorar.
Talvez as feridas non cerraron abondo, e esta estupidez de mañá de levarmos xuntos a nena a unha exposición me suporá un mal dia.
Quizá non sexa outra cousa que a tristeza do lume extinto, das borrallas nun lar agora vacio, e máis nada.
Iso que en diante se pode chamar normalidade.

xoves, 10 de febreiro de 2005

Reaxustes

Mudanza de planos para este fin de semana.
A miña ex trabucou, sen dúvida involuntariamente, todo canto lle dixen en matéria de calendário, e este meiodia mensaxea-me unha confirmación inesperada: virán a Atenas este Sábado, non o seguinte, de maneira que a segunda etapa do Camiño até Triacastela fica en suspenso.
Chamo a Nican para presentar a demisión, e a meia tarde chega unha mensa de Vapin a suxerir-me trasladarmos a camiñada para o Sábado 19; chamo-o imediatemente: conta-me que fixeron concílio de peregrinos, e que a peregrinaxe fora suspendida sine die. Que como ían facer a etapa sen ir eu con eles. Que xa recuperaremos o retraso na Semana Santa.
Enternecido e cheo de gratitude, digo-lle que xa lle-lo compensarei.

mércores, 9 de febreiro de 2005

Madelman

Desde hai dias alguén máis vive aqui.
É certo que muita compaña non fai, sempre ao pé do televisor, silencioso e en garda, nun mutismo perfeito.
Algunha vez paso-lle a man polo traxe branco, sentindo a textura, as cordaxes, os lastros; axusto a escafandra e, se miro polo ollo de boi, descubro os ollos brillantes e alerta tras o cristal.

Unha vez, hai tantos anos que me asusta, un rapaz quixo pedir aos Reis Magos un madelman, pero cando o contou na casa, seus pais dixeron-lle que era una cousa de maricas: ao mellor tamén queres unha Nancy, como tua irmá, concluíron.
O tempo, que sempre pon a cada un no seu sítio, acabou poñendo sobre a mesa, xunto ao ordenador, o meu madelman buzo.
Con el vixiante, nen o kraken, nen os outros perigos das profundidades poderán nunca comigo.

luns, 7 de febreiro de 2005

Camiño

Por fin.
Sábado comezamos o Camiño de Santiago. Xa sei que non é nengunha fazaña un tramo de pouco máis de dez kilómetros, por muita neve que atopásemos, pero tamén é certo que a nosa non era a Comunidade do AnelO Cebreiro, Liñares, o alto de San Roque, Hospital da Condesa (que haberá dentro da cápsula de memória dunha cámara dixital que atopou Vapin no campanário?), Padornelo e, por último, o alto do Poio, ao que demos chegados con algunha penalidade, a meio da nevarada que se nos botou encima.
Despois de relear kilómetros, na Cova, a véspera, acordamos facer a metade do previsto .
Por iso saímos tarde de Ithaca (10'30 é tarde, certamente); no coche de Nican seguimos pola autovia á sua irmá, e meia hora despois da partida comezamos a ver manchas brancas nas montañas. Manchas cada vez máis estensas, até que ao pór o pé na terra do Cebreiro sentimos o renxer do xeo baixo as botas .
Hai feira: mentres as irmás deixar un dos coches no final da etapa, Vapin, Mer e eu vagamos entre os postos de roupa e de froita, de pan e de ferramentas.
Desistimos de entrar onde o gado.
Entramos nun bar: almorzamos café e roscón, e lemos El Progreso. Mer conta cousas de hipotecas e mudanzas, e anúncia que pronto deixará o apartamento; igual me interesa, digo eu, e dou en contar a bonita história do meu regreso a Ithaca, o traslado, unha casa para a miña filla, etc. Mer alegra-se, pero Vapin, que o sabe desde o serao anterior, non parece desde logo entusiasmado.
Recoñezo que estudo as reaccións dos meus amigos; meus pais ainda non sospeitan nada destes cálculos e previsións, talvez mui prematuros, e asi espero evitar presións; pero cos meus amigos é diferente: comprendo que haxa intereses creados, e sigo a ser mui curioso.
Sen ser capcioso, recoñezo que ás veces nace en min o entomólogo que levo dentro.
Tamén que non por esperadas deixan de sorprender-me algunhas cousas: Duas veces preguntado Vapin que lle parece que me instale en Ithaca o próximo outono, e as duas apañou-se para non responder.
Nican, cando Fesore e Xa llo comentan, ri-se con desgana e pon cara de xa-está-este-a-facer-das-suas, como se eu gardase os livros na neveira ou tivese unha boa constrictor na bañeira.

O xantar foi provavelmente o mellor do fin de semana, tanto pola comida como pola conversación. No Cebreiro, na hospederia: viño con gasosa para acompañar os ovos con chourizo e xamón, e patacas fritas; logo cafetiño de pucheiro e tarta de queixo con castañas.

Neva pola tarde, camiño de Ithaca, e a invernia acaba de decidir-me: non sairei nen hoxe nen mañá, ficarei na casa dos pais co Padre Brown, a ler o xornal, a facer crucigramas atrasados, a ver algunha cousa na tele.

Autobus


De Atenas a Ithaca: primeiro en táxi, logo en autobus, case como quen se asoma á eternidade; asi estou desacostumado a mover-me sen o meu coche, que hoxe e no sucesivo hiberna no profundo do garaxe.

xoves, 3 de febreiro de 2005

Diglósia

Empecei xa as miñas sesións de logopédia, e con elas a miña decepción: detesto ir.
Máis que polo que se trata nelas (de momento case todo está vedado e para sempre) pola própia señora logopeda.
A sesión de onte consistiu nunha feroz versión dos dez mandamentos que a logopeda me foi escrevendo á medida que deseñaba unha gris visión do meu futuro, a saber:
Empregarás un ton moderado ao falar.
Non fumarás nen estarás exposto a fumes.
Non falarás en sítios ruidosos.
Non competirás coa conversación.
Non berrarás.
Non cantarás.
Tratarás de evitar a tose e a carraspeira.
Evitarás levantar pesos cando falares.
Non atenuarás a voz falando baixo.
Non consumirás bebidas frias nen demasiado quentes.
Utilizarás as cavidades de resonáncia.
Beberás líquidos abundantes.
Tomarás infusións de tomentelo e rosmariño.
Evitarás no ambiente a presenza de xiz, pó, lixívia, amoniaco, verniz, sulfato...
Evitarás as contracturas musculares.
E, finalmente, respirarás correctamente con predomínio da inspiración nasal e diafragmática.

Todos estes mandamentos encerran-se en dous, que son: deixarás de facer algunhas das cousas que sempre che gustou facer, e agora vai resultar que a miña mai tiña razón cando me berraba por tomar café con xelo.

Pero o que máis me fixo deprimir foi o tema da diglósia. Despois de desculpar-se várias veces, esta muller que fala un galego impecável en todos os aspectos, escreve exclusivamente en castelán por non cometer faltas de ortografia!!!

martes, 1 de febreiro de 2005

Mariconadas

Acabo de regresar do otorrino: di que está preocupado polas miñas cordas vocais, renóvame a baixa e envíame sen vagar a un logopeda ("Vostede ten que aprender como falar sen forzar a voz, e deixarse de mariconadas").
Na casa, desde o Parlamento e através da radio, a voz do lehendakari; fóra, os operarios de R esfórzanse en converter a miña nunha rúa de Bagdad, pero sen mortos nin explosións, aínda que pouco falta para iso.

Ambece non está na casa. Pouco a pouco voume convertendo no seu chófer; onte, levándoa novamente á Citroen, cóntame que o seu ex lles presentou a súa nova noiva aos nenos este Domingo, e que se enfadou porque eles non lle quixeron dar un bico.
Que opino? Pois que algúns de nós algunhas veces só pensan coa punta do c..., digo para que se calme.
Aínda así, Ambece chamoulle de todo mentres duraba o traxecto.

Se un milagre non o remedia, pronto ela vai ter que ser a miña choferesa: o carteiro (que sempre chama máis de dúas veces) tróuxome esta mañá unha nova carta de tráfico. Aquí ten outra multa, dime cando lle abro a porta recén levantado e cos pelos alvorotados, e penso se tanta familiaridade será adecuada.
Unha vez aberta a carta resulta ser, non unha nova multa, senón a secuela da única, a de Setembro, notificándome a retirada do permiso de circulación por un mes.
Como farei para cumprir coas visitas quincenais á miña filla? Como a recollerei en Manderley para levala a Ithaca, e á inversa, e logo regresar eu para Atenas?
Sinceramente, non o sei.
Sen embargo, non me sinto en absoluto vencido.
Se eu fose cristián, entendería que Deus me está probando, e supoño que sería un consolo para min.
Como non o son, e non creo que haxa ningunha conspiración contra min, debo supoñer que sairei adiante.
Como di o meu otorrino, debo tirar para adiante e deixarme de mariconadas.

luns, 31 de xaneiro de 2005

Perversidade

A comemoración da liberación do campo de exterminio de Auschwitz, presente estes días nos medios, tráeme á mente a figura de Adolf Eichmann, exemplar funcionario que centrou o ensaio de Hannah Arendt que agora teño sobre a mesa: Eichmann en Jerusalén.
Arendt cubriu para The New Yorker o xuízo contra Eichmann en Israel en 1962, e no seu libro estabeleceu a tese sobre a "banalidade do mal", segundo a cal Eichmann, funcionario modélico, foi capaz de enviar á morte a millóns de persoas como se estivese a realizar de maneira óptima un traballo burocrático, a facturación dunha mercadoría, unha planificación de vendas.
Nunca se demostrou que odiase as vítimas, e para Arendt este tenente das SS non era quen de representarse mentalmente as consecuencias dos seus actos, de forma que os homes, nenos e mulleres que enviaba ao sacrificio eran entidades abstractas, inexistentes para el, que tan só era unha engrenaxe mecánica dunha monstruosa cadea de produción de borrallas humanas.
El só recibía ordes, e a súa misión era cumprilas.
Nada escuro na súa conciencia, dado que este pai responsable, este marido exemplar, este cidadán impecable, se esforzaba por realizar á perfección a súa función, e a misión encomendada era cumprida con absoluta meticulosidade.
Aí, na miña opinión, radica o terror absoluto; non na morte en si, monstruosa e arrepiante, de un só indivíduo ou de millóns nos campos de extermínio.
O terror surxe da perversidade da consciéncia xorda, cega e muda, da obediencia debida, do mal menor, da mentira de estado, das perdas necesarias... E esa perversidade habita aínda en cada un de nós, é connatural á esencia humana e está presente en cada unha das súas manifestacións, incluída a linguaxe, e non desapareceu con Auschwitz nin con Nuremberg, non morreu con Hesse en Spandau ou con Eichmann en Xerusalem.

Ithaca despovoada

Volvin a Ithaca por vez primeira desde o fin das vacacións, e achei-na case despovoada, para sorpresa miña.
Ninguén parecia estar en disposición de se deixar ver: Nican, totalmente resfriada, preferiu non saír; para Mer ía demasiado frio, o cal era certo, pero tampouco comezaba unha nova glaciación; Ti, resacosa da noite do Venres, ficou na casa para ben morrer; nen rastro de Cinderella ou Constanza; Vapin, polo móbil, di-me que estaba canso e en plena dixestión do cocido do meiodia, ao que Ti non foi, o que serviu para que Vapin fixese unha das suas bromas estrañas e graciosísimas.
Por conseguinte quedo na casa, arrepiado coa reportaxe sobre Auschwitz, e facendo compaña a miña mai, que le o xornar ao meu lado. Este foi un deses fins de semana en que achei a meus pais dolorosamente distantes, con pouca sintonia.
Sen dúvida, o mellor foi estar coa miña filla.

venres, 28 de xaneiro de 2005

Novidades

A primeira e máis rutilante é o meu portátil novo, desde o que estou agora posteando; son un neno con zapatos novos. Por precaución, e non por falta de ganas, non o levei comigo para a cama, igual que os cativos na noite de Reis.

A segunda ten-me sobre as nuves desde hai un par de dias: as contas da vella fan-me pensar que para o próximo curso podo viver en Ithaca, iso si, con destino nun lugar de paso en que ninguén pensou antes, e que chamaremos desde hoxe, por exemplo, Cefalónia.
Unha illa en meio de nengunha parte.
Pero terei en Ithaca unha casa para min e para a miña filla, e comezarei, unha vez máis, unha nova etapa.
Lalalala.

xoves, 27 de xaneiro de 2005

Idas e vindas

Co pretexto de que a teño que levar á Citroen, vén almorzar Ambece; queda en aparecer antes das 9 pero chega cuarenta minutos despois. Mentres se fai o café, pasea toda a casa como se pasase revista, facendo preguntas e observacións á procura da naturalidade. A conversa entre torradas e zumes xira á volta da Notícia: as previsións sobre o concurso de traslados, que poden significar que o ano próximo non estea en Atenas.
Subitamente penso na hora que é, digo-llo a Ambece e saímos raudos; tanto que por veces non dou seguido o coche dela pola estrada, como nunha persecución policíaca de telefilme. Para o regreso, os dous xa no meu coche, temos que pisar-lle para que Ambece dea chegado ao traballo; "asi é como vivemos as mulleres soas con fillos", di ela; eu falo doutra cousa.
Como sempre que estou con Ambece, acabo acelerado.
E non falo só do coche.
Pola tarde volverei con ela á Citroen, e a sensación será a mesma: ódio dicé-lo, pero dez minutos ao seu lado supoñen un estrés tan considerável que me deixa derreado para duas horas; ademais, nunca se cumpre o plano marcado: ou chega tarde, ou temos que marchar ao pouco a cambiar algo nunha tenda, ou quedamos nun sítio e ela chama-me ao móbil para que vaia a outro porque non dá chegado, ou...
Creo que ainda non comprende que non existe a ubicuidade.
Entre Ambece I e Ambece II, café tranquilo con Ilu onde sempre. Tamén falamos da Notícia: un momento de emoción cando me di que me vai botar muito de menos se me vou; digo-lle alegre pero suavemente, con muita dulzura, que debe deixar-me marchar en paz.
Como se fai cos mortos.

mércores, 26 de xaneiro de 2005

Memória

Grazas a Que garci es el cine, en La 2, volvo ver O acourazado Potemkin e o resultado é unha emoción tan extraordinária que me fai regresar a un lonxano serao de Outono, naquela perdida Ithaca dos meus 17 anos: Poñen no cine-clube Valle-Inclán O acourazado Potemkin, e Laura e eu non deixaremos de ir, ainda que os ceos se abran.
Xuntos semana a semana víramos ou habíamos de ver o Napoleón de Abel Gance, A quimera do ouro de Chaplin, Metrópolis de Fritz Lang, O nacemento dunha nación de Griffith, e dalgunha delas pouco faltou para sermos expulsados do paraíso en branco e negro por cometermos actos impuros en plena proxección.
Pero co Potemkin non puidemos apartar os ollos da pantalla, firmemente collidos das maos.
A memória de todos os que vimos a película retén indelével a escena da escaleira de Odessa, a mai sostendo no colo o fillo morto, a avanzar cara aos soldados en formación que logo dispararán, ou a mai que leva o cochiño do bebé (esa muller que tamén pintaron Solana, Villamil e Romero de Torres).
Pero a película é en realidade un canto ao que se perdeu, unha louvanza da memória, saudade das cousas que se foron para sempre, melancolia que asoma en todos os rostros, no estraño brillo dos ollos e a pel na penumbra das sentinas, nos ceos e as nuves, no dramatismo dos pregues densos das roupas e as velas.
Oitenta anos despois, que resta de todos eles? As caras, os ollos, as maos crispadas en puños, as expresións daqueles rostros, onde foron?
E ti, Laura, di-me: Que foi tamén de ti, que fixo contigo o tempo?

martes, 25 de xaneiro de 2005

Social-realismo

Ainda que sen voz , acudo a unha reunión coas mais dos meus alunos; e digo con elas porque, ainda que tamén estaban convocados, non apareceu ningun pai. A reunión pareceu-se a algo intermédio entre un reality show e unha película de Lars von Triers, de feito esperei que en calquer momento entraria Bjork topeñando coas sillas.
A estivo comendo chicle durante toda a entrevista; é nova ainda pero xa ten tres fillos, e o meu aluno é o do meio; mostrou-se desolada pola actitude del, que está castigado sen o 30 € semanais da paga porque o domingo á noite saíu e non regresou até as 4 da madrugada. Mentres o conta, o piercing dental de A brilla.
Con B, que está embarazada, non puidemos falar nada: traía no colo unha meniña de un ano que non deixou de chorar, desconsolada porque sua mai non lle facia caso, o que fixo que se pospuxese a entrevista para outro dia.
C é a noiva do pai da miña aluna, que, segundo ela, é moi boíña pero está mui mal da cabeza; como proba di-nos que andou contando que estaba liada cun home de 50 anos que vive fronte á sua casa; por este motivo, e antes de facer unha loucura (!), o pai levou-na ao xinecólogo e resultou que ainda era mociña, polo que decidiron levá-la ao psiquiatra.
Para D a vida deve ser tan tremenda que só con humor a pode franquear; esa é a conclusión que tiro á vista dunha muller que non chega aos 40 pero que veste como se tivese vinte máis, e que non para de facer chistes e de rir, chea dunha amarga resignación: "Que non vai conseguir o título? Iso ben o sei eu, ha ha ha", "Non me din nada novo, ha ha ha", "E como hei facer para que acorde? Chamarei-no desde o traballo, pero non esperen nada ha ha ha".
Por último, E fai-me corar: "De todos os homes do mundo, e detrás do seu pai, vostede é o home que máis admira, principalmente cando lles conta esas histórias tan bonitas de romanos".

luns, 24 de xaneiro de 2005

Febre

Por primeira vez este curso, pero por enésima nos últimos anos, estou de baixa. A causa é o andazo de gripe que percorre España e que, despois inmobilizarme con febre e a molestia acostumada, desde Xoves me está a afectar a gorxa.
Por iso este fin de semana non vin á miña filla, e por iso cheguei a pensar este fin de semana se non estaría a tolear á forza de estar só e de non poder falar con ninguén debido á case total falta de voz.
Como Papillón incomunicado, pero ademais afónico.
Miña mai chamou cada día, pero a conversación facíase absurda porque, para que eu non falase ela trataba de adiviñar o que eu lle ía dicir, pero non acertaba case nunca. Primeiro ofreceume viren os dous para coidaren de min, despois, diante da relativa melloría, que fose eu para Ithaca, á casa deles; eu negueime nos dous casos: esta é a miña casa, e un Robinson non pode renderse por tan pouco.
Que sería daquela do meu orgullo?

Tamén chamaron Ti e Ilu, que onte me convenceu para ir tomar café na súa casa. Había tanto que non ía, e tanto que non percorría aqueles suburbios de Atenas, que acabei perdéndome e Ilu tivo que virme buscar.
Falamos longamente, mesmo eu, frustrado porque case non daba entendido o que me dicía o marido de Ilu mentres me pirateaba películas en DVD. Trouxen Goodbye Lenin, Alta fidelidad, Vértigo e Manhattan, e empeñei a miña palabra de pasarlle os meus fondos cinematográficos para que mos piratee.
A Ilu, que ía e viña pola casa, non creo que lle interese nada de todo isto; mesmo a min chegou a desbordarme aquela obsesión compiladora. Pensei, de camiño á casa, se esta afección de P. non será un substitutivo dalgunha cousa, algo que suple unha carencia.
Igual que un neno a outro, P. ensinoume os lotes de DVDs gravados, as coleccións de música (pirateada ou non), os libros, as caixas de catálogos do CGAC arrumados no garaxe. E por tras da nosa conversación, dificultada pola miña falta de ouvido, aquela especie de pesar, aquel desgosto contra case todo: o traballo, Atenas, a literatura fácil (falamos, como non, de Follet, do Código Da Vinci, de Caneiro), a mediocridade intelectual que nos afoga...
P. é fermoso, e fermosa a súa madurez, e esta fermosura sen dúbida se incrementa coa pose, coa actitude de profundo orgullo, mesmo de soberba, do que mantén o corazón puro e a mente imaculada.
P. é Lord Byron envellecido, coa neve do tempo asomando na barba e nas cellas.

venres, 21 de xaneiro de 2005

Hóspede e Anfitrión

Chega Pólis ás 19 horas do dia 19 a Atenas, e vou-no recoller unhas ruas máis abaixo da casa, porque se perdeu; cando chego está a fumar e a falar polo móbil. Vimos no seu coche até aqui; en canto entra no piso podo ver como lle cámbia a cara; iso gosta-me. Bicamo-nos contra a porta unha vez a fechamos. Ensino-lle o resto do apartamento, terminando polo salón; só entra a luz das farolas.
Abrazamo-nos e bicamo-nos ansiosamente na cociña, apoiado el no mesado de pedra, contra o lavapratos e o forno. Bicos desvergoñados e húmidos, como hai xa tempo non, e pouco a pouco comezan a mans a acariciar por todas partes, e os vultos entre as pernas acaban por se faceren mui evidentes.
Os dous sen camisa.
En certo momento soa o móbil del e Pólis pon-se a falar. Despois de bastantes minutos da sua conversación, para non me aburrir, para xogar un pouco como antano, paso-lle os dedos polo peito, o ventre, e lentamente sobrepaso o elástico do chándal e toco-lla; aparto a goma para deixá-la ao descoberto: ten-a branda agora, estiro-lle o prepúcio, descasulo-a, xogo un tempiño con ela mentres Pólis se deixa tocar, sorri para min, bebe de cando en vez da sua cervexa, e segue a falar por teléfono.
Terminamos na cama: corremo-nos os dous e hai que duchar-se para saír; metemo-nos xuntos na duche e axudamo-nos co xel mutuamente. Gosta-me.

Tomamos uns cortos polo centro e levo-o a cear nun mesón que normalmente é estupendo, pero que hoxe non toca: non nos dan unha boa mesa, e a comida que nos serven non parece ter o sabor doutras veces. Temo que Pólis diga que mellor teria sido irmos a un chino, pero non o di, felizmente.
Entramos nun local a tomar café, camiño da casa. Hai bastante xente, o ambiente está cargado, e nun recanto da última sala Pólis volve sacar o tema da sua última relación: segue sen comprender o comportamento do seu ex... (ex que?, ex amigo?, ex persoa? como o debo chamar? di-me, como?); repite muitas veces que non lle gustaba nen polo físico nen pola maneira de ser; tamén di que ainda hai muitas cousas del na sua casa, roupa, e que nen sequer lle devolveu as chaves. Sen embargo, segundo Pólis, o peor de todo, o que máis o está a magoar é que nen lle mandou un postal polo Nadal.
Recoñezo que isto tamén a min me partiria o corazón.
Sen dúvida...
Dali a pouco, o que bebemos xa non son cafés, e o termos que madrugar ao dia seguinte non parece xa tan dramático: multiplican-se os chupitos de Ballantines e noto unha eufória cada vez maior que se apodera de min e daquela zona en que reside o meu eixe de gravidade; isto quere dicer que me empeza a aburrir tanta necrofília e tanto remilgo, e que, sen podé-lo evitar, me estou empalmando.
Digo-llo asi, e marchamos para a casa.
Tanto me gusta que me empalmo de novo e teño que dicer-lle o que hai, para que me bote unha man; en canto isto sucede e me tranquilizo, poñemo-nos a durmir como os dous nenos boíños que somos.

martes, 18 de xaneiro de 2005

Ithaca Night

Fin de semana en Ithaca, e o sábado á noite quedo na Cova con Vapin e Ti, para logo irmos á Cruz e recollermos ali no de sempre a Mer; o encontro na Cova converte-se nun auténtico akelarre, algo multitudinário, con asisténcia de Vapin, Constanza (resacosa da véspera e toda a noite arrebolada), Cinderella (confirmado: toda a noite á procura do Mago de Oz para que lle dese un cerebro), o irmao de Vapin e o seu noivo (que felizmente non romperon ainda pero que, a dicer de Ti, todo se ha de andar), e un número indeterminado e flutuante de acólitos, figurantes e agregados que converteu o sinxelo exercício dos viños nunha lenta actividade un tanto penosa ás veces. Como cando entramos nun pub espantoso e pasamos meia hora a decidirmos que facer.
De regreso ás 3 e media, nas Cortiñas de San Román, mentres Cinderella e Constanza fomentaban a admiración dun seareiro de chumbo e mal aspecto, Vapin, tras evocar por segunda vez os vellos e añorados tempos en que, borrachos e adolescentes, mexábamos contra a parede da Catedral e as rodas dos camións, confesa-me que lle gusta Cinderella pero que Constanza lle tocou várias veces o cu esa noite.
Mirei para el e só dixen que estaba morto de frio.
O monstro da estupidez produce sono.

xoves, 13 de xaneiro de 2005

Vapin

Pola noite, despois de estar con Ambece, quedaban xa poucos paxaros negros no meu salón, é certo.
Mentres penso que se non retomo o ioga a semana próxima acabarei toleando, chamo a Vapin ao móbil e resulta estar na casa: falamos brevemente; está amável; penso tamén que é o esperável, como cada Xaneiro.
Non sei se son os bons propósitos para o novo ano, ou que o Nadal o amolece, ou que percebe o paso do tempo na mudanza do calendário, pero está cientificamente comprobado que Vapin é muito menos arisco durante o mes de Xaneiro de cada ano. Quedamos en vermo-nos o sábado, cando vaia a Ithaca, e el adverte-me, afectuosamente: a ver se é verdade que me chamas.
Naturalmente, non aludo nen a Ti nen a Estridente nen ás demais.

mércores, 12 de xaneiro de 2005

Regalo

Veño de estar con Ambece, tomando un café, ainda que en realidade o que tomamos foron unhas augas; pretexto pola miña parte: espantar un certo remol de soedade ou saudade que comezaba a deixar-se sentir, inegavelmente, desde o xantar.
Por ver de atenuá-lo tentei embebecer con Hitchcock, sen consegui-lo.
O único que tirei en limpo foi o descubrimento da voz de Tippi Hedren, tan diferente da dobraxe; creo que seria capaz de distingui-la de calquera outra, mesmo entre várias voces a falaren ao tempo.
Tamén tirei en limpo que paxaros negros non só sobrevoaban Bodega Bay e o cabelo de ouro esculpido, senón que tamén pairaban e por momentos ían facendo-se máis e máis evidentes no meu salón.
Quedo con Ambece na cafeteria doutras veces, sorprende-me cun regalo totalmente inesperado: unha preciosa mochila de coiro recén traída de Granada. Gosta-me tanto e tanto me sorprende que non sei ben que dicer, máis ainda cando Ambece me pregunta polos outros regalos, e teño que confesar-lle que os Reis só me trouxeran dous calzóns e dous pares de calcetins.
Nen sequer se me ocorreu argumentar a parvada de que deveu ser por me ter portado mal o ano pasado.
Felizmente non o fixen; é unha broma que detesto.

martes, 11 de xaneiro de 2005

Rutina

Regresa a rutina. Como un gatiño peludo a acomodar-se sobre as miñas pernas mentres os máis frios dias do ano desfilan, calendário adiante.
Reveladas as fotos deste Nadal: a nena co Rei Melchor, a nena coa miña sobriña, a nena pola Praza Maior, a nena coas fillas de Fesore e Xa, a nena...(Chama miña mai onte para saber como reaccionara a nena cando en Delfos lla entreguei a sua mai).
Tamén a foto tirada con Ti e Cinderella no pub; na foto sorrimos, e dá a impresión de sermos amigos de muito tempo, e lembro a Vapin cando volvendo da Aceña no coche de Nican me dixera bromeando que lle estaba a levantar a pandilla. Quero que sexa unha broma, pero non dou afastado a frase da cabeza: Será que Vapin cre isto realmente? Será por iso que me recomendou dar-lle a Atenas outra oportunidade?

domingo, 9 de xaneiro de 2005

Reconto

En efecto, hora de balance, de reconto.
E de axustar contas, mesmo se son comigo mesmo.
En posts anteriores fun inxusto (ou por mellor dicer, prematuro) nos meus xuízos sobre alguns habitantes de Ithaca, nomeadamente planetas e satélites dunha galáxia en que Vapin tamén orbita. Refiro-me sobretodo a M. e P., a quen desde este mesmo momento designarei Cinderella (por aquilo da costura) e Constanza (polo papel de Dama da Raiña que obteria se eu fixese nova versión dos Tres Mosqueteiros; é candorosa e idéntica, e por iso, rijosamente, a amo!).
Na miña descrición, recoñezo, saíron pouco beneficiadas; xusto é que diga que non son como eu dixen. Se queremos ser precisos, debemos sen embargo recoñecer que si, que son como dixen, pero non só como dixen. As duas, cada unha no seu estilo, teñen un grande corazón.
Cinderella é encantadora. Venres despois dos Reis fomos con ela e Ti cear un multitudinario cocido no restaurante acostumado da Rua Nova; a multitude finalmente reduciu-se tanto que só fomos tres; faltou o chourizo (que a dona se empeñou por último en traer velis nolis) pero sobraron as confidéncias: como non, os tres falamos dos nosos divórcios; incluso Cinderella, que é unha sen papeis porque nunca chegou a casar pero viveu unha relación de dez anos cun home cheo de ciúmes co que rompeu hai ano e meio.
Pediu cervexa para cear, e logo arrependeu-se porque o Rioja era excelente, de forma que se embebedou (Suellen?, de que me soará a min iso?) nun tris e logo todos os seus esforzos foron para entender ben a conversación e que a cabeza non lle caese sobre o mantel.
Logo de pagarmos fomos facer uso dun dos grandes priviléxios dos naturais e moradores de Ithaca: tomar unha copa de estribo xunto a unha letrina e un pozo do século III, visíveis baixo un cristal no chan dunha vinoteca, que ainda acollen auga 1800 anos após da sua construcción.
Nada de particular, se reparamos en que a muralla ten a mesma idade, e aínda non hai moito serviu-nos de letrina a Vapin e a min (e a outros centos máis).
A sonrosada Constanza non saíu esta noite connosco, seguramente agotada de coidar nenos e ensinar-lles xogos e programar-lles actividades; como a miña filla, que tivo ao seu cargo o mesmo venres ao serao ("que lástima! non poderias volver un pouco despois, que agora imos facer un verme de colores?" e papá marchou).
A arrebolável Constanza ten tamén un corazón grande e doce, e, tomando unhas cervexas a noite antes no Kursal, preguntou-me se eu sabia de asociacións, grupos, oenegués en defensa das mulleres maltratadas, das inmigrantes. Eu, que inventaria unha ONG só para falar con Constanza (o cal non quere dicer que ese non sexa un asunto que me inquiete e me preocupe, e no que pense decote) e, como sucedeu, facer con ela unha frente contra unha parella amiga de Ti; principalmente el, cheo de prexuízos contra os colombianos, romenos e marroquinos. Señor: Constanza arrebolou-se como nunca; case foi preciso achegar-lle o ombro e darlle algunha palmada no ídem dela cando o efecto agustina-de-aragón pasou e os inmigrantes ficaron menos defendidos.

domingo, 2 de xaneiro de 2005

Retorno


Estou de novo en Atenas, nunha casa polar que os acumuladores non dan quentado, e padecendo unha invencível desídia que me impide, por exemplo, achegar-me á arvore de nadal defunta para, por exemplo, desmontá-la.

Levo en Atenas case 18 horas, e apenas fixen outra cousa que dar voltas pola casa e dormir. É tempo, pois, de facer balance, especialmente de termo-nos en conta que hai máis de unha semana que non escrevo aqui. Motivo? Nada de abandono, tan só falta de acceso á Rede, algo que asumo como mal menor. Calquer cousa antes de presentar-me nun ciber para tratar de organizar ideas en meio dun feixe de mozos a xogaren guerras virtuais. E pedir-lle a Vapin que me deixe traballar no seu ordenador seria delatar a existéncia desta bitácora e, imaxino, aniquilar unha amizade.

O dia 30 fun de Ithaca a Delfos, e máis aló ainda, até o mar, despois. A parada na cidade santa foi para ver o caravaggio da exposición que pronto concluirá, e que, como non fose o cadro, mostraba infinidade de cousas que non me interesaron, e diante das que pasei con muita lixeireza e nengun remorso.
O cadro si.
Se está vivo o propósito de contemplar todos os cadros de Michelangelo Merisi, sexa cal fose o lugar en que estean, daquela como non hei de percorrer os 100 kilómetros que me separan de Delfos para ver O Prendemento de Cristo que normalmente está en Odessa?
Máxime se ademais devo pasar inescusavelmente, como cada 30 de Decembro.
Tamén como cada 30 de Decembro, o azar fai que acabe baixando os pantalóns xunto (ou mellor será dicer "diante") dun descoñecido; docking.