mércores, 13 de abril de 2005

Carta

Nestes tempos en que os buzóns adoitan non conter máis do que facturas e publicidade, eu sigo a receber cartas de Polónia, cunha frecuéncia case mensual, desde hai muitos anos.
Hoxe chegou a de Abril, máis extensa, e nela a remitente descreve-me os sentimentos que o falecemento de Wojtyla acordou entre os seus concidadáns. Nun portugués primorosamente tallado, Grazyna parece dar-me notícia da morte dun parente que unha vez emigrou ao Sul; a letra é minuciosa, complicada; a tinta negra destaca sobre o papel lila pregado.
O noso epistolário está formado por cartas completamente convencionais que, de ano en ano, recollen, como agora, algo da história. Cando mañá ou pasado lle escreva, enviarei-lle o meu pésame xunto a unha foto da miña filla; desde Nadal as dos seus fillos, Karol e Wojtek, están aqui gardadas nunha caixa de cartón que di POLSKA, xunto a unha morea de cartas e unhas poucas fotos máis: algunhas foron tiradas no Jardim Botânico de Coimbra e na Faculdade de Letras.
Solteira ainda, Grazyna ten nesas fotos, e para sempre, 25 anos.

1 comentario:

Plattdorf dixo...

Isto mellora todos os días.